As estrofas V-VI aparecen en orde invertida no Cancioneiro da Biblioteca Nacional.
I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 212-213 [= LPGP 753]); Reali (1962: 180-181); Cohen (2003: 285); Littera (2016: II, 267); Callón (2020: 11).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 155-156); Braga (1878: 78); Machado & Machado (1953: IV, 138); Callón (2017: II, 30).
III. Antoloxías: Pellegrini (1928: 27-28); Bernárdez (1952: 74); Nunes (1959: 355-356); Álvarez Blázquez (1975: 60); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 193); Gutiérrez (2023: 151).
3 ondeu amor (ond) ey V 4 talhada] thalada V 5 viss’eu un] uissenhū B : uisse nhū V
En Littera e Callón é trocada a orde das dúas derradeiras estrofas (I-II-III-IV-VI-V).
2 Agor’a] agora Nunes, Reali, Littera 5 Penad’a] penada Nunes, Reali, Littera 7 a] o Nunes, Littera 10 Penada se a eu] Penada, se o eu Nunes, Littera : penada se eu o Reali
(I) Dicía a moi ben feita: «Oxalá agora eu a vise coitada, (aquela) onde teño amor!».
(II) A moi ben feita dicía: «Coitada a vise eu un día (aquela) onde teño amor, (III) pois, se a vise coitada, (eu) non sufriría tanto, (aquela) onde teño amor!
(IV) Se eu a vise coitada, non hai mal que eu puidese sentir… (aquela) onde teño amor!
(V) Quen hoxe por min lle dixese que non tardase e que viñese (aquela) onde teño amor!
(VI) Quen hoxe por min lle rogase que non tardase e que chegase (aquela) onde teño amor!».
Esquema métrico: 6 x 7’a 7’a 5B (= RM 26:111)
A interpretación desta cantiga admite dúas direccións conforme se considerar que a amiga fala de unha rival, ou, contrariamente, que a voz feminina se dirixe a outra amiga, isto é, que se trate dunha cantiga lésbica (véxase Callón Torres 2017: II, 31; 2018; 2020).
Ao longo do corpus nunca se rexistra ningunha forma de artigo arcaico (lo, la) en inicio de período e/ou de verso. É por isto que nesta cantiga se percibe con clareza o notorio contraste que marca o emprego da forma la do artigo, en contexto posvocálico, na primera cobra, e o uso da forma normal a no inicio da segunda, no verso reflexo (Dizia la ben-talhada vs. A ben-talhada dizia). A manutención de /l/ na forma do artigo indica a procura dunha retórica arcaizante na elaboración de cantigas de amigo (véxase Ferreiro 2008b, 2013), igual que acontece noutras cantigas (587, 609, 704, 735, 781, 864, 891, 892, 903, 969, 1130, 1166, 1167, 1169, 1201, 1206, 1281, 1294, 1297, 1299, 1304 e 1314) e do mesmo xeito que acontece coas correspondentes formas pronominais (véxase nota a 586.5).
O incipit desta cantiga de Pedr’Eanes Solaz foi aproveitado por Afonso Sanchez noutra cantiga de amigo, cunha intertextualidade reforzada pola aparición da forma la do artigo (véxase 781.5).
Nestes dous versos, na dirección que marcou a edición de Machado, Cohen consolidou a segmentación do pronome feminino en Agor’a e Penad’a, respectivamente, fornecendo fluidez discursiva a un texto que ficaba deficiente na tradicional edición de Nunes (e de Reali e mais de Littera).
Nótese a emenda no pronome feminino que Nunes (nos dous versos), Reali (só no v. 10) e Littera realizaron, inxustificadamente, no texto, talvez para procurar unha presenza masculina que non existe na cantiga (se a eu visse penada, v. 7; Penada se a eu...).
A troca de lugar das estrofas V-VI en Littera carece, en aparencia, de xustificación.