1253 [= Tav 112,1]
Ai madr’, o que ben queria

Ai madr’, o que ben queria
foi-s’ora d’aqui sa via:
de[seja-lo-ei].
[E] foi-s’o meu perjurado
e non m’envia mandado:
deseja-lo-ei.
E non m’enviou mandado;
de Deus lhi seja buscado:
de[seja-lo-ei].
Pois mandado non m’envia,
busque-lho Santa Maria:
de[seja-lo-ei].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 

Manuscritos


B 1237, V 842

As estrofas I-II aparecen en orde inversa en BV.

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 408-409 [= LPGP 707]); Cohen (2003: 472); Littera (2016: II, 209).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 290); Braga (1878: 159); Machado & Machado (1956: V, 351-352); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Bernárdez (1952: 118); Nunes (1959: 295); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 181).

Variantes manuscritas


7 E] E e V   11 Santa] sancta B; Maria] m̃ia : m̃a V

Variantes editoriais


3 [E] foi-s’o meu perjurado] Foi-s[e] o meu perjurado Nunes : Foi s’ o<ra> meu perjurado Cohen : Foi-s’o[r’o] meu perjurado Littera

Paráfrase


(I) Ai madre, o que amaba foise agora de aquí: heino desexar.
(II) E foise o meu perxurado e non me envía novas: heino desexar.
(III) E non me enviou novas, por Deus lle sexan buscadas: heino desexar.
(IV) Xa que non me envía novas, procúrellas Santa María: heino desexar.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 7’a 7’a 5B (= Tav 26:110)

Encontros vocálicos: 7 en·vi·ou

Notas


Texto
  • *

    Tal como sinala Cohen, esta composición presenta moi probabelmente unha alteración na orde das dúas primeiras cobras, pois a estrofa II de BV é iniciada por un verso que mostra indicios de constituír o íncipit da cantiga, tales como a exclamación, a invocación á madre etc. É por isto que o editor norteamericano, seguido por Littera, propón a inversión das dúas primeiras estrofas, en face da edición de Nunes que mantén a secuencia dos manuscritos.

    Por súa vez, a partir desta recolocación estrófica levántase un aparente problema métrico se se considera que as rimas -ado e -ia deberían alternar dando lugar ao tipo que coñecemos como “cobras alternas”: I-III, II-IV. Con todo, ese argumento pode non ser definitivo, oferecendo a cantiga unha rima “circular”: I-VI, II-III, que pode verse, por exemplo, en cantigas de Martin Codax (UC 1297, 1300). Neste sentido, non é necesaria estender a inversión tamén ás estrofas III-IV, tal como propón Montero Santalha na súa edición. 

    Desde o punto de vista codicolóxico e da copia, hai un elemento que si está claro e que é incuestionábel: o texto debía figurar como tal no seu antecedente, como proba a copia íntegra do refrán na primeira estrofa e a súa transcrición abreviada a partir da segunda. Deste modo, e atendendo a este criterio, o texto común a BV non é un texto que presente, no momento da súa copia, unha alteración das súas dúas primeiras estrofas, debendo, se nos atemos estritamente á lección que os apógrafos envían, editarse esa “versión” do texto. Ora ben, como sabemos, BV copian, con toda a probabilidade, dun mesmo exemplar; á vista da lección que transmiten, esa lección pode estar afectada por un erro que, como antes se sinalou, estaba no seu modelo e que se puído producirse nunha rama alta do stemma, mesmo antes de que se copiase o exemplar que daría lugar a BV, isto é, no material previo ás colectanéas que deron lugar a BV.

    Atendendo ás circunstancias apuntadas por Cohen, relativas ás características do íncipit da cantiga e a canto acabamos de sinalar, se queremos achegarnos o máis posíbel ao texto que elaboraría o autor, a hipótese máis plausíbel é considerar que a segunda estrofa dos manuscritos é, en realidade, a primeira, abríndose coa potente apóstrofe á nai e coa introdución dos elementos que servirán para a articulación da cantiga, anunciado a partida do amigo mediante esa perífrase que evita o emprego directo do termo e que despois pasará a ser concretado no “perjurado” que non “envía mandado”, unha circunstancia que se desenvolve de forma reiterada nas cobras seguintes, constituíndo o seu núcleo temático único.

  • 4

    A reordenación estrófica permite resolver máis doadamente a hipometría do verso, cuna integración da conxunción copulativa (fronte ás máis complexas intervencións das anteriores edicións), pois é relativamente frecuente a súa omisión en posición inicial de estrofa (e de verso) ou de fiinda nos manuscritos. Casos semellantes documé­­ntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado