794 [= Tav 107,3]
Porque vos quer’eu mui gran ben, amig’, anda-mi sanhuda

Porque vos quer’eu mui gran ben, amig’, anda-mi sanhuda
mia madr’e agora con ela por én sõo perduda,
mais guisarei, meu amigo,
como faledes comigo.
Pola coita que mi destes foi ferida e maltreita,
e ben o sábia mia madre que aquesta sera feita,
mais [guisarei meu amigo
como faledes comigo].
 
 
 
 
5
 
 
 

Manuscritos


B 798, V 382

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 190-191 [= LPGP 696]); Cohen (2003: 266); Littera (2016: II, 192).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 145); Braga (1878: 72); Machado & Machado (1953: IV, 97-98).

Variantes manuscritas


2 mha madre soo perduda / agora con ela poren BV   4 comigo] comígo B   6 ben o] bono B; mia] ma B

Variantes editoriais


Todas as edicións presentan a cantiga disposta en versos octosílabos agudos e heptasílabos graves.

2 mia madr’e agora con ela por én sõo perduda] mia madr’, e sõo perduda / agora con ela por en Nunes, Littera : mha madr’, e soo perduda / agora con ela por en Cohen   5 maltreita] mal treita Nunes, Cohen

Paráfrase


(I) Porque vos quero tanto, amigo, anda incomodada miña nai comigo e agora estou inimizada con ela, mais procurarei, meu amigo, o modo en que poidades falar comigo. 

(II) Pola coita que me provocastes fun ferida e maltreita, e ben debe saber miña nai que a situación non ten volta, mais procurarei, meu amigo, o modo en que poidades falar comigo.

Métrica


Esquema métrico: 15’a 15’a 7B 7B (cfr. Tav 37:11)

Encontros vocálicos: 3 sõ·o; 9 sá·bi͜a

Notas


Texto
  • *

    A composición, copiada en versos curtos de 8 e 7’ sílabas nos apógrafos italianos, presentaría, de seguirse esta disposición dos códices, unha grave anomalía métrica na segunda estrofa, cun esquema 7’a 7’b 7’c 7’b anterior ao refrán; isto é, con un verso sen rima. É por isto que seguimos a suxestión de Lapa (1982: 172) e dispomos os versos en 15 sílabas (unha medida relativamente frecuente nas cantigas de amigo), recuperando así unha estrutura métrica convincente (este esquema xa foi indicado por Montero Santalla 2000: 472, atendendo ás rimas). Asemade, a rima obriga a rectificar a orde dos elementos do segundo verso da primeira estrofa, feito que confirma a posíbel alteración do formato orixinal da cantiga no proceso de copia (cfr. a interventiva proposta de Montero Santalla: mià madr’, e com ela porém | agora sõo perduda).

  • 5

    Foi é a forma xeral de P3 de pretérito de seer (e de ir), mais tamén aparece como forma de P1, tal como acontece neste verso: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), debido á acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 6

    En principio, a variante ma de B (vs. V) é tamén unha forma correcta para o posesivo átono feminino (véxase nota a 104.18). Porén, débese advertir que, en xeral, a forma ma é produto dun erro de copia, como mostran as varias leccións <m\h/a> ou <m\h/as> dos apógrafos italianos: 599.13, 678.8, 966.8, 984.1, 1009.1, 1297.1. Para alén disto, en xeral a forma ma(s) aparece só nun dos cancioneiros, fronte aos restantes testemuños manuscritos coa forma <mia> ou <mha>: B vs. A (190.r1 na estrofa II, 197.9), AB vs. V (403.14, 404.1), V vs. B (505.3, 506.13 e 21, 554.10, 556.9, 557.17, 604.r2, 605.4 e 10, 609.4, 625.1, 636.1, 859.3, 887.5 e r1 nas estrofas I-III, 966.8, 970.12, 992.3, 1000.16, 1002.r2 na estrofa III, 1165.r2 na estrofa I, 1453.4 e 7, 1457.3, 1459.r1 e r2 na estrofa II, 1468.1, 1469.2, 1470.6, 1483.r), AV vs. B (887.5 e r1 nas estrofas I-III), e B vs. V (548.5, 632.1, 634.13, 690.1, 1363.r2 na estrofa II).
    A forma demostrativa reforzada aquesta refírese á coita (v. 5).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado