974 [= Tav 12,2]
A ren que mi a mí máis valer

A ren que mi a mí máis valer
devia contra mia senhor,
essa mi faz a mí peior:
serviç’e mui gran ben querer
e mui grand’omildade;
non me vos pod’al apoer
que seja con verdade,
nen ar é d’al despagada.
Nunca lh’outro pesar busquei,
senon que lhi quero gran ben,
e por esto en coita me ten
tal que conselho non me sei;
se lh’eu mal merecesse,
o que lhi non merecerei,
u eu pouco valesse,
non mi daria nada.
Quando m’agora ren non dá,
que lhi non sei merecer mal,
o meu serviç’, e non mi val,
cuid’eu, nunca mi ben fara;
mais diga a seu marido
que a non guarde de min ja,
ca sera i falido
se mi-a tever guardada.
Torto fara se mi-a guardar,
ca non vou eu u ela é;
e juro-vos per bõa fe:
des que m’ela fez[o] tornar,
nunca foi aquel dia
que a eu visse, ca pesar
grande lhi creceria,
nen vi a sa malada,
que con ela sol ben estar,
e meu mal lhi diria,
ca esta é sa privada;
e, se me quisess’ajudar
Elvira, ben faria,
e de Deus foss’ajudada!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 
 
 
35
 
 
 

Manuscritos


B 972, V 559

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 389-391 [= LPGP 115-116]); Lopes (2002: 118-119); Littera (2016: I, 115-116); Querido (2016: 70-71); Littera (2016: I, 115-116).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 200); Braga (1878: 106-107); Machado & Machado (1953: IV, 348-349).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 23-24).

 

Variantes manuscritas


4 serviç’, e] serui(ç)\z/e V; ben] < >en B   11 ten] ren B   13 merecesse] mẽzesse V   14 non] om. B; merecerei] mẽzerey V   18 merecer] mẽzer V   22 non] om. B   26 vou] non B   27 juro] uiro V; bõa] bona V   31 creceria] crezeria V   34 mal] mhal B   36 ajudar] aui dar V   38 e] om. V; ajudada] auidada V

Variantes editoriais


En Nunes os seis últimos versos forman unha única fiinda.

4 serviç’, e] serviç’: é Nunes, Lopes, Littera, Querido   6 vos] om. Lopes   8 ar] om. Littera   11 esto en] est(o) en Nunes : est’em Lopes, Littera   13 merecesse] merecess Lopes   16 mi] mi i Querido   19 o meu serviç’, e] o meu serviço Nunes, Lopes, Littera : e meu serviço Querido   21 diga a] dig’a Nunes, Lopes, Littera   23 i] om. Lopes   28 m’ela fez[o]] m’ela fez Nunes : mi ela fez Lopes, Littera, Querido   32 vi] [ar] vi Lopes : vi [i] Querido   35 esta é] éste Littera

Paráfrase


(I) A cousa que máis me debía valer coa miña señora, esa é a que me fai máis mal: o servizo e o moito amar e a moi grande humildade; non me vos pode acusar doutra cousa que sexa certa, nin tampouco ela está contrariada por outra cousa.
(II) Nunca lle procurei outro pesar, agás o de amala moito, e tenme por iso en tal coita que non sei que facer; se eu lle merecese mal, o que non lle merecerei, cando eu pouco valese, non me daría nada.
(III) Cando agora que non lle sei merecer mal (a ela) o meu servizo non me rende froito e non me vale, (ela) nunca me fará ben, penso eu; mais dígalle ao seu marido que non a garde de min xa, porque errará se ma tivese gardada.
(IV) Fará mal se ma ocultar, pois non vou a onde ela está; e xúrovos, abofé: desde que ela me fixo voltar nunca houbo un día en que eu a vise, xa que (ela) sentiría un gran pesar, nin vin a súa criada (1) que con ela adoita estar, e (a quen) lle diría o meu mal, pois esta é a súa confidente; (2) e, se me quixese axudar Elvira, ben faría, e que Deus a axude!

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8a 6’c 8a 6’c 6d’ + 2 x 8a 6’c 6’d (=Tav 158:1)

Encontros vocálicos: 1 mi‿a; 11 esto‿en: 21 diga‿a; 24 mi͜-a; 35 esta‿é; 37-38 faria,/‿e

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga debe ser inscrita no pequeno grupo de composicións que aluden directamente ao marido (véxase v. 21), ou ao casamento da senhor, tales como as cantigas 120 (Paai Soares de Taveiroos), 417 (Fernan Velho), 968 (Joan Airas de Santiago), e outras co mesmo motivo implícito no verbo levar (900, de Roi Fernandiz de Santiago) ou no verbo casar (1104, de Lourenço).

    Por outra parte, desde o momento en que na edición de Querido se parte dun esquema métrico que considera heptasilábico o derradeiro verso de cada cobra, explícanse tanto os acrecentamentos que se producen nos vv. 16 e 32 como a inexistencia da consideración de sinalefa ou episinalefa (vv. 35 e 38) e mais o imposíbel hiato en mi-a no v. 24. Algo similar acontece na edición de Lopes, especialmente no relativo á variante do v. 32.

  • 4

    Sen dúbida, o contido semántico dos versos iniciais da estrofa é unha miga confuso, de modo que as edicións precedentes interpretan <e> neste verso como a forma verbal de seer; porén, nada indica que non poida ser lido como conxunción copulativa, a ligar o serviç(o) co mui gran ben querer e a mui grand’omildade.

  • 8

    Tal como os manuscritos transmiten este verso, resulta hipermétrico, talvez pola partícula ar que facilmente podería terse introducido no proceso de copia a partir do seu frecuente uso preverbal en xeral, e nomeadamente coa forma é. Cfr., por exemplo, des i ar é temudo (415.12), nen ar é guisado (1582.3). Talvez sexa por isto que ar foi expunxido na edición de Littera.

  • 17-20

    As dificultades interpretativas da pasaxe explican as diversas tentativas editoriais e as emendas dos editores. 
    Por unha parte, en Lopes e Littera estabelécese continuidade sintáctica a respecto da anterior cobra, aínda que a autonomía estrófica non parece presentar dificultades interpretativas. Velaí a versión de Littera:

    nom mi daria nada
    –quando m’agora rem nom dá,
    que lhi nom sei merecer mal!

    Por outra parte, os precedentes editores practican unha emenda no texto dos manuscritos que a segmentación da copulativa, xunto cunha puntuación axeitada, pode resolver (serviç’, e). Véxase, como mostra, o texto na edición crítica de Querido:

    Quando m’ agora ren non dá,
    que lhi non sei merecer mal,
    e meu serviço non mi val,
    cuid’ eu nunca ben mi fara.

    Certamente, a complexa sintaxe destes versos dificulta a comprensión da pasaxe. Para a interpretación que propomos, a orde sintáctica linear sería esta: «Quando agora, que lhi non sei merecer mal, o meu serviço ren non me dá e non mi val, cuid’eu, (ela) nunca mi ben fara».

  • 20

    A puntación nas precedentes edicións delata que non consideran cuid’eu como unha expresión fraseolóxica de tipo parentético, variante de cuido-m’eu e concorrente con aquant’eu cuido (véxase Glosario, s.v. cuidar1).

  • 26

    O erro <non>/<uou> en B, de evidente explicación paleográfica, pode acharse en 295.15, 978.23 ou 1322.5.

  • 27

    A presenza de -n- na forma <bona> de V é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /õ/, o mesmo que noutras voces que se rexistran, en especial, nos apógrafos italianos, tales como <alguna> algũa e <(h)una> ũa, certão, <dona> dõa, <mano> mão, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão etc. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b.

  • 28

    Para recuperar a medida octosilábica do verso, recorremos á variante fezo, o mesmo que acontece, por exemplo, en 204.12 (de quantas donas Deus fez[o] nacer), que ofrece unha construción moi similar. Na lingua medieval aparece a desinencia -o na P3 dos pretéritos fortes, de modo que naquelas formas en que -it final latino desapareceu é posíbel a convivencia das formas fez, quis ou pôs con fezo (tamén feze), quiso (tamén quise) ou poso (tamén pose). Os trobadores utilizan unha ou outra variante por necesidades métricas, e os manuscritos achegan datos que confirman esta variación nos usos lingüísticos, de modo que en ocasións as leccións de A e B son diverxentes. Así, en face do necesario fezo transmitido por A (ás veces produto da revisión da copia) achamos <fez> en B: 277.17 (<fez{o}> A, <fez> B), 286.2 (<fezo> A, <fez> B), 309.10 (<fezo> A, <fez> B), 404.10 (<fezo> A, <fez> B), 430.28 (<fez{o}> A, <fez B>). Porén, en 175.6 o necesario fezo transmitido por B correspóndese co <fez> de A, que torna o verso hipométrico. E aínda se achan contextos en que fronte á lección de A, con fezo, B rexistra unha variante en que, mantendo o monosilábico fez, se reescribe o texto para asegurar a isometría: Qual dona Deus fez melhor parecer / e que fezo [B: <a fez>] de quantas outras son (175.2), de rogar Deus, e fezo-me [<a d’s e fez mj> B] perder (197.30). É por isto que o recurso a fez[o] está certamente xustificado perante leccións afectadas por hipometría versal: é significativo que no v. 1 do refrán da cantiga 847, face ao correcto fezo que se rexistra na estrofa I (<fez> B, <fezo> V), apareza fez en BV nas estrofas II e III. Cfr. nota a 60.19.

  • 32

    A voz malada ‘criada, servente’ só se atesta noutras dúas ocasións no corpus da poesía profana, as dúas en cantigas de escarnio, polo que é de notar a introdución da figura da criada nunha cantiga de amor: ca nunca eu donas mandei tecer / nen lhis trobei nunca polas maladas (1520.14); mais quer-lhe-la malada esnarigar, / pola sua, que trag’esnarigada (1562.9).

  • 35

    A voz feminina privada ('muller que goza da privanza ou amizade especial de alguén') é atestación única, fronte á forma masculina, que presenta varias ocorrencias (879.2, 8 e 21; 1296.17; 1327.10; 1447.1; 1544.5), para alén doutro privado, de interpretación ambigua (adxectivo / substantivo) no contexto escarniño dunha cantiga de Estevan da Guarda (1327.7, 14 e 21).

  • 37

    Nótese a ruptura do segredo amoroso co aparecemento do nome Elvira, que será o nome da amada ou o da malada (con este indirectamente tamén rompería o segredo, pois polo nome da criada saberíase quen era a dama).

  • 38

    A medida hexasilábica do derradeiro verso de cada estrofa e/ou fiinda é garantida neste verso pola episinalefa de e co verso anterior, situación que se produce con relativa frecuencia no corpus e que evita, ás veces, emendas textuais.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado