88 [= RM 78,9]
Ja m’eu, sennor, ouve sazon

Ja m’eu, sennor, ouve sazon
que podera sen vós viver
u vos non viss’, e ora non
ei eu ja daquest’o poder,
pois outro ben, sennor, non ei
senon quanto vos vej’, e sei
que mi-o queredes ja toller.
E, se vós avedes razon,
sennor, de m’este mal fazer,
mandade-m’ir e log’enton
poderedes dereit’aver
de min qual vos ora direi:
ir-m’-ei d’aquend’e morrerei,
sennor, pois vos praz d’eu morrer.
E, se quisessedes sofrer
este pesar, por Deus, sennor,
que vos eu faç’en vos veer,
cuid’eu, fariades mellor
que fazedes de m’alongar
d’u vós sodes e me matar:
de pran morrerei se m’én for.
Non o queredes vós creer,
ca nunca soubestes d’amor;
mais Deus vo-lo leixe saber
per min, sennor; e qual sabor
eu ei de convosco falar
vos faç’aver de m’ascuitar,
e toll’a min de vós pavor.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


A 22, B 115

Ediciones


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 49-50 [= LPGP 514]); Littera (2016: I, 635).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 42); Carter (2007 [1941]: 15-16); Marques Braga (1945: 49-50); Machado & Machado (1949: I, 162-163); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2017: I, 88).

Variantes manuscritas


3 vos] uus A   6 quanto vos vej’] quanto uosso ey B   9 de m’este] deste B   12 direi] disƥ B   13 d’aquend’e] daqⁱ ende B   14 morrer] moirer B   15 quisessedes] quisesedes A   17 vos] uus A   19 alongar] alongʷr B   20 vós] u A   21 m’én] me B   25 per min] pʳ non B; sabor] saber B   26 convosco] cō uusco A   27 vos] uus A; faç'aver] faz auer AB; ascuitar] ascoytar B   28 toll’a min] colhamj B

Variantes editoriales


3 vos] vus Michaëlis   4 daquest’o] d’aquesto Michaëlis, Littera   6 quanto] quando Michaëlis, Littera; vos] vus Michaëlis   12 vos] vus Michaëlis   14 vos] vus Michaëlis   17 vos] vus Michaëlis; vos] vus Michaëlis   22 Non o] Non-no Michaëlis   26 convosco] convusco Michaëlis   27 vos] vus Michaëlis; faz aver] faç’aver Michaëlis, Littera

Paráfrasis


(I) Xa houbo un tempo, miña señora, en que eu puidera vivir sen vós onde non vos vise, mais agora xa eu non teño poder para iso, pois non teño outro ben, señora, agás canto vos vexo, e sei que me queredes del privar. 

(II) E se vós tendes motivo para me facer este mal, mandádeme partir e entón logo poderedes facer xustiza comigo como agora vos direi: ireime de aquí e morrerei, señora, pois vos agrada que eu morra. 

(III) E se quixerdes sufrir este pesar, por Deus, señora, que vos eu causo por vos ver, eu coido que fariades mellor do que facedes afastándome de onde vós estades e matándome: certamente morrerei se me for dese lugar. 

(IV) Vós non o queredes crer, porque nunca soubestes o que é o amor; mais Deus volo deixe saber por medio de min, señora; e o pracer que eu teño de falar convosco volo faga sentir a vós ao escoitarme, e que me quite a min o pavor que vos teño.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8a 8b 8c 8c 8b (= RM 101:47)

Encontros vocálicos: 7 mi-‿o

Notas


Texto
  • 4

    Semella preferíbel a segmentación do artigo nun verso que lembra outro de Joan Garcia de Guilhade: Mentr’eu d’aquesto ouvess’o poder (396.12). Véxanse notas a 61.9 e 80.15-16 para a vacilación aver poder ~ aver o poder.

  • 6

    Non é necesaria a emenda de quanto (‘canto vos vexo –que non é moito– é todo o meu ben’) que propoñen as edicións precedentes de Michaëlis e Littera. Pola súa parte, a lección de B semella trivializante e repite a forma verbal ei.

  • 15

    A forma <quisesedes> é outra mostra no Cancioneiro da Ajuda de diferentes confusións gráficas no ámbito das sibilantes, nomeadamente da grafía <s> en contextos en que representa /s/, grafado de regra con <-ss->. Esta grafía detéctase especialmente en desinencias do pretérito de subxuntivo: <amase> amasse (409.6), <deues(e)> devesse (282.14), <disses(e)> dissesse (409.21), <ousas(e)> ousasse (346.3, 982.22), <podes(e)> podesse (409.2), <quisesedes> quisessedes (812.7), <soffresen> sofressen (85.17), <uis(e)> visse (138.6). Alén desta desinencia, tamén se acha a mesma representación gráfica en <asi> assi (240.23, 318.15), <disesse> dissesse (199.28), <outrosi> outrossi (413.11, 17 e 23, cfr. outrossi no v. 5), <pos(o)> posso (409.14), <uasalo> vassalo (84.12), <uoso> vosso (362.2). Véxanse tamén notas a 66.21, 69.7, 80.10 e 89.2.

  • 18

    A omisión da vírgula en Michaëlis (cuid’eu fariades melhor) implica que a editora fai depender sintacticamente fariades de cuid’eu, sen a necesaria conxunción que: na realidade, fariades é o verbo principal dos vv. 15-20, mentres que cuid’eu constitúe unha expresión fraseolóxica de tipo parentético, variante de cuido-m’eu e concorrente con aquant’eu cuido (véxase Glosario, s.v. cuidar1).

  • 20

    A lección do Cancioneiro da Ajuda mostra un evidente erro na interpretación do pronome vós, necesariamente tónico neste contexto, que comparece nos manuscritos como unha forma átona <uꝯ>, cun erro que se rexistra nos tres grandes cancioneiros. Véxase este mesmo erro en A fronte ao Cancioneiro da Biblioteca Nacional (vós <uꝯ> A : <uos> B) en 72.13, 90.16, 133.10, 134.24, 138.14, 315.8. Mais tamén se atesta o mesmo lapso de copia en BV, con lección errada coincidente en 402.11, 16 e 17 (cfr. <uos> na v. 5), 791.13, 840.17, 855.13, 920.14, 929.r1 (vv. 5, 11 e 17), 1052.5, 1111.11, 1195.15, 1264.6 etc.; do mesmo xeito, aparece en cantigas transmitidas só por un dos cancioneiros italianos: 183.17 e 185.21 (en B); 1013.1 (en V); e aínda existe en pasaxes con diferente lección conforme os manuscritos: 900.7 (<uꝯ> B vs. <uos> AV), 1022.7 (<uꝯ> V vs. <uos> B).

  • 25

    Nótese a existencia do mesmo erro saber / sabor en 879.18 (V’) e 1367.15 (BV), e inverso en 97.26.

  • 27

    Con Michaëlis e Littera consideramos a existencia dun erro de transmisión na forma do verbo fazer; neste sentido, semella significativo que en A, na marxe esquerda da columna, exista unha marca similar á que acompaña as notas do revisor, aínda que non leva texto para corrección asociado, talvez por lapso. En liña con faç(a), toll’a min (v. 28) encobre un presente indicativo. A respecto  respecto deste verbo, nótese a lección de B, que presenta a confusión tolher/colher a partir do frecuente intercambio <t>/<c> (véxase 479.4 e 12, onde B presenta tolher en vez do certo colher).

Buscar
    Sin resultados