I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 651-653 [= LPGP 703-704]); Miranda (2004: 158-159); Cohen (2010: 22-23); Marcenaro (2012a: 84-86); Littera (2016: II, 205-207).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 12-13); Cotarelo Valledor (1933: 22-24); Machado & Machado (1949: I, 54-56); Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2015: 112-114); Rios Milhám (2017: I, 14); Arbor Aldea & Santiago Gómez (2019: 44-45); Arbor Aldea (2019: 86-87).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 159-160).
9 segudades] segudides B 11 outr’amor] Ouir amor B 19 sõo] scom B 25 A guardar] e a guardar B 26 deles] deꝉꝉs B; e ra[n]curar] (ea) racurar B 27 andar] (ꞇ) andar B; nembrado] uēbdʼo B 30 sõo] scōm B 32 deles] dells̄ B 33 ouçan] oucam B 35 ben] be̓m B 37 Ũa ren] Hua irē B 51 adormecer] a dormeţ̄ B 52 Entender] e entender B 53 parecer] pareţ̄ B 54 deveria] diuiria B
2 a] ay! Michaëlis : ai Marcenaro, Littera 3 gaades] gãades Michaëlis, Cohen, Miranda, Littera 5 ira en] ira (e)n Michaëlis : ira 'm Littera 9 segudades] segurades Michaëlis, Miranda, Cohen, Marcenaro 11 outr’] ver Michaëlis : muit’ Cohen : aver Miranda 14 non no] no’-no Michaëlis : nõ-no Cohen : non'o Littera 19 sõo] son Michaëlis, Cohen, Marcenaro : som Miranda, Littera; preguntado] perguntado Miranda 20 pensar] pesar Cohen, Marcenaro 21 pesa] pes(a) Michaëlis : pes' Littera 22 quen] que Miranda 24 me lhe] melhor Marcenaro 25 A] E a Michaëlis, Miranda, Marcenaro, Littera 27 andar] e andar Michaëlis, Cohen, Miranda, Marcenaro, Littera 28 ven] vai Miranda 30 sõo] soom Miranda : soon Marcenaro 31 lhi] lhi[s] Littera 37 vos] vus Michaëlis 45 vos] vus Michaëlis 48 vos] vus Michaëlis 49 atal] a tal Michaëlis 51 deit’, adormecer] deit’a dormecer Cohen 52 Entender] A valer Michaëlis : E entender Miranda : e entender Marcenaro, Littera 53-54 [dona, vosso ben-querer / amparar]-me deveria Michaëlis 54 deveria] dormiria Littera
(I) Por que me desamades, a mellor das mulleres que eu coñezo? Coido que non gañades nada causándome mal: soportei días moi difíciles pola ira que mostrades cara a min. E teño razón, xa que me afastades da cousa que máis amei: (II) de vós! E debedes saber, de certo, que non desexei outro amor, e se vós credes outra cousa, eu facilmente sufrirei danos por iso, e pídovos, por Deus, que non o fagades, pois por vós me condenarei. Sinto consolo ao saber que pouco vivirei se non pensades en min.
(III) Moitos me preguntan por que teño este pensamento, e a min atorméntame que mo pregunten; teño que procurar, sen vontade, unha razón para me salvar. Protexereime deles e queixareime, procederei con cautela.
(IV) Sinto un gran pesar cando me vou deitar, mais estou máis descansado porque xa non teño que falar con eles; xazo lonxe dos demais para que non me sintan queixarme. Podedes xurar que ningún home amou xamais coma min.
(V) Asegúrovos unha cousa, e debedes crelo: nunca máis amarei se sobrevivo a este amor, porque vos perdín sen motivo, eu que tanto vos amaba. Que pracer sentides en me tirar o corpo, de que vos serve? (VI) Porque Deus non me recibiría, nin eu podería soportar tal sufrimento, porque por nada podería, aínda que me deite, durmir. E debería axudarme pensar na vosa fermosura.
Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de seis estrofas doblas de nove versos heptasílabos, agás o sétimo que é trisílabo. Por outra parte, o primeiro, terceiro, quinto e noveno de cada estrofa son graves; os restantes son agudos.
Esquema métrico: 6 x 7’a 7b 7’a 7b 7’a 7b 3b 7b 7’a (= Tav 67:1)
Encontros vocálicos: 5 ira‿en, mi‿andades; 10 sa·biá·des; 19 so͂͜o; 21 pesa‿aficado
Gaar, xunto con gãar, é unha das diversas formas que o verbo gañar presenta nas cantigas profanas, ao lado de guaanhar, gaanhar e gaanar. Pola súa parte, a puntuación e a versión ao italiano do verso indica que Marcenaro non considera a frase parentética cuid’eu; ao contrario, converte cuidar no verbo principal de gaades, sen ligazón sintáctica, por tanto.
A forma manuscrita segudades, fronte á emenda segurades dos editores anteriores, é lectura semanticamente acaída no contexto, confirmada pola documentación de segudar (e segudamento) na produción prosística galego-portuguesa (véxase Monteagudo 2014), con diversos rexistros en obras como as traducións galegas da Crónica de Castilla e da Estoria de España e mais da General Estoria ou, tamén, na Crónica Geral de Espanha de 1344.
Esta é a única atestación do adverbio certas na poesía trobadoresca, coa mesma orixe que o adverbio poucas (véxase nota a 8.22); fóra da Demanda do Santo Graal (véxase Magne 1944: III, s.v. certas), só achamos uns poucos rexistros dela; así, na Crónica Troiana: Et maltrouxo muyto a rreýna, et dísolle asý: – Certas, dõna, uós ouuestes pouco siso, quando fostes creer a aquel falso traedor et desleal do que uos enuiaua dizer (véxase TMILG, s.v. certas); e na tradución da Confessio amantis (véxase Maccon 2010: 296, 358 etc.)1 .
O elemento inicial do verso en B é <Ouir>, que dificilmente pode representar a forma inicial derivada de audīre, xa que faría hipermétrico o verso, ao tempo que resultaría algo artificiosa a expresión: e, certas, sabiádes / ouir: amor non desejei (este é o texto suxerido en Monteagudo 2008: 374-375). É por isto que tal lección debe ser emendada de forma coherente do punto de vista paleográfico e sintáctico-semántico: o erro <r>/<t> é moi frecuente e resolve semántica e metricamente a pasaxe, tal e como indicou Marcenaro na súa edición do trobador (véxase tamén <outr> A, <oyr> B en 189 / 125,4 PGarBu [A96/B203], v. 13; <outro> B, <ouiro> V en 626 / 118,9 PedPort [B610/V212], v. 17).
A coexistir con leve, o provenzalismo leu, que concorre coa forma palatalizada lheu, máis frecuente, sempre aparece na frase adverbial ben leu ~ ben lheu ‘facilmente’, a semellanza do uso que os poetas occitanos facían desta voz (véxase García-Sabell Tormo 1990: 203-205). Con todo, o uso de leu é moi escaso no corpus, pois só volve aparecer en 209.7 (Podedes-vos nembrar ben leu / de min, que sofro muito mal / por vós).
A forma conorto constitúe outro provenzalismo, máis utilizado na poesía profana do que a variante patrimonial conforto. Véxase nota a 624.16.
En xeral as formas sõo e soo (do lat. sŭm → *sono > sõo > soo) computan como bisilábicas, mais tamén poden funcionar como unisilábicas (sõo 14.19, 63.12, 292.18, 317.18, 1118.8, 1629.2, e soo en 1431.1, 1577.2), do mesmo modo que ũu (cfr. nota a 47.20) e bõo ~ boo (cfr. nota a 241.10). Cfr. nota a 10.25. Cfr. nota ao v. 30.
O manuscrito –e o sentido– non autoriza a considerar un erro a forma enviada e a corrixila en pesar (Cohen, Marcenaro).
A necesaria medida trisilábica do verso esixe a expunción da preposición a ou, alternativamente, da copulativa e. A manutención dos dous elementos (Michaëlis, Miranda, Littera) implicaría unha anómala sinalefa da copulativa (Cunha 1982: 32-34, 99-128; Arbor Aldea 2008a: 22), que debe ser eliminada (véxase nota a 1.37). No relativo á omisión da copulativa, existen diversas pasaxes ao longo do corpus en que, a partir do testemuño diverxente dos manuscritos se pode determinar con seguranza o carácter espurio da copulativa, feito que acontece con certa frecuencia, especialmente no inicio do verso. Véxase, entre outros, B vs. A (66.14, 96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 306.13, 312.5 e 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 e 16), B vs. V (851.12, 924.19, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9).
Eis o primeiro exemplo de tmese métrica no corpus profano, en que o poeta estabelece un corte entre a base verbal dunha forma futura con pronome mesoclítico, que pasa, xunto coa desinencia, para o verso seguinte. Tal segmentación versal volve aparecer en 36.6-7, 47.19-20, 219.15-16, 308.11-12, 1138.13-14, 1476.3-4, 1538.15-16 e 1637.10-11. Cfr. notas a 37.18-19, 123.24-25, 482.1-2, 1542.3-4.
A grafía <ll> de eles en B, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B) en vez de <lh>, só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente, en xeral, da xeminada latina (ali, bailada, castelo, cavalo (e cavaleiro), esmola, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc., con especial incidencia en ela, aquela e ele/s), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo ou do pronome (véxase notas a 6.32 e 918.11) e, finalmente, en voces co secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).
Rancurar ‘ter rancor ou resentimento’ é voz rara na lingua antiga, pois só se localiza noutra ocasión (11.20) no texto das cantigas profanas. Cfr. tamén rancura (véxase nota a 153.11).
A pesar de que foi cancelada polo copista de B, todos os editores manteñen a copulativa inicial do verso, que o convertería en irregular do punto de vista métrico (hipérmetro).
Neste verso, se non consideramos bisilábica a forma mais (véxase nota a 12.8), a forma verbal sõo podería computar como dúas sílabas, en claro contraste co que acontece no v. 19 (véxase nota), e dun modo similar ao que ocorre co cómputo métrico de bõo, equivalente a dúas ou unha sílaba métrica (cfr. nota a 241.10).
As formas jasco, P1 de presente indicativo de jazer (< iacēre), xunto con jasca e demais formas do presente subxuntivo –anómalas a partir do lat. iacĕo e iacĕam, respectivamente– son propias dos apógrafos italianos (1605.10 e 13, 1606.21)2 , fronte ás regulares jaço, jaça, documentadas en cantigas transmitidas polo Cancioneiro da Ajuda: 80.10, 130.1 (<iazco> B), 174.4 (<iasco> B), 346.7.
Téñase en conta que desta equivale a ‘desta vez, nesta ocasión’. Cfr., tamén, Mais desta seerei eu escarmentado / de nunca foder ja outra tal molher (1598.8).
O pronome vós, como as restantes formas pronominais tónicas oblicuas (mí ~ min, ti, nós, vós, el ~ ela), pode aparecer como complemento directo sen preposición, como forma libre, con algunha frecuencia na lingua trobadoresca.
Nótese a repetición da palabra rimante (poderia) nestes dous versos, feito que, en principio, constitúe unha anomalía na métrica trobadoresca. Tal reiteración rimática obsérvase esporadicamente ao longo do corpus: 524.9-11 (ei), 704.7-8 (eles), 734.19-20 (i), 783.22-23 (son), 821.16-17 (al), 838.8-11 (é), 879.19-20 (al), 923.10-11 (ei), 926.22-25 (ei), 935.18-20 (i), 1034.7-9 (quiser), 1043.14-15 (al), 1065.23-25 (fal), 1237.44-47 (mí), 1366.12-15 (i), 1400.23-24 (arteira), 1470.12-13 (én), 1477.23-25 (ali), 1506.2-3 (cantar), 1535.18-21 (i), 1549.19-20 (én), 1633.8-14 (capa).
Só Michaëlis segmenta erroneamente atal, como se a puidese ser artigo ou preposición, sen ter en conta que atal é variante frecuente de tal (cfr. tamén atan ~ tan, atanto ~ tanto, aquanto ~ quanto). Véxase nota a 138.17.
A interpretación de Cohen, coa conseguinte segmentación alternativa, implica unha rara variante dormecer (só presente en 1405.15), pois é xeral a forma adormecer (1349.19, 1509.5, 1529.5 e 1626.5)3 . Na realidade, neste verso adormecer depende de poderia (v. 50), constituíndo pois que me deit’ unha cláusula temporal (‘despois de me deitar’). Fronte a esta lectura, Cohen parece interpretar pois como conxunción causal (‘pois déitome para adormecer’).
Véxase nota ao v. 25.
O texto presentado por B é perfectamente correcto, e descualifica, por tanto, a relectura michaëliana e mais a innovación de Littera.
Para algunha ocorrencia máis deste adverbio, véxase tamén Fonseca (2001: s.v. certas).
Se cadra son produto da analoxía cos verbos incoativos e similares (cfr., por exemplo, conhosco vs. conhoces).
No CGPA só se recolle unha ocorrencia de dormecer nas Cantigas de Santa Maria (e el chorand’ e gemendo | dormeceu, CSM 129.39), e uns poucos exemplos en obras portuguesas do século XV.