(I) A dona que calquera debía con xustiza chamar «señora», certamente, meus amigos, direivos eu cal é: unha dona que vin o outro día, e máis que iso non me atrevo a dicir; mais quen a vise e puidese entender todo o seu ben, «señora» a chamaría, (II) pois é señora de moito ben, e eu vina para o meu mal, seino con certeza; e, se morrer por iso é de xustiza, porque eu ben souben o que por iso me ocorrería: morrer así como morro e perder, meus amigos, o corpo e non poder vela a ela cando a querería ver.

(III) E todo isto eu xa o entendía antes de que a vise; mais tanto ouvín falar do seu ben que non me souben acautelar, nin pensaba que era tan fermosa que logo eu fose morrer por ela; mais cando vin a súa fermosura, vin, amigos, que sería a causa da miña morte.

(IV) É por isto que ben aconsellaría a cantos ouviren falar do seu ben que non a vexan, e así poden gardarse mellor do que eu me gardei, que morría; e dixen mal, mais fíxome Deus ter tal sorte cando a fun ver que nunca dixen o que quería dicir.