(I) Ai miña señora e miña luz e meu ben, abofé, direivos a verdade e nunca vos eu mentirei, señora, porque vos amo máis que a cousa ningunha: que non me dea Deus ben de vós nin de si, e que me condene por iso, se nalgún momento vin señora tan fermosa coma vós!

(II) E, miña señora e miña luz e meu ben, aínda que percorrín moitas terras, nunca nelas achei tan fermosa dona coma vós, por quen me vén moito sufrimento; e fíxovos Deus nacer para o meu mal, fermosa señora, pois por vós perdín Deus, amigos, esforzo e cordura, (III) pois nunca eu no mundo puiden achar, desde que Deus me vos fixo ver, dona que me vos fixese esquecer a vós, a quen Deus no mundo non lle fixo igual, porque vos fixo ser coñecedora de todo o ben, e, se non (é así), que Deus non me dea o voso amor nin o voso ben, que me fai desexar.

(IV) E mal me ache eu –que non me querería achar– con todo se volo vin dicir polo ben que nunca penso obter de vós; nin tampouco o digo por vos lisonxear, senón porque digo a verdade, señora, porque vos vexo ser máis fermosa que as outras donas e falar mellor.

(1) E todo isto é para a miña desgraza, xa que morrerei cedo, abofé, por vós, pois desa guisa me vexo xa andar.