(I) Amor, non ceso eu de amar nin ceso de andar loitando por ver como podería facer para recibir o voso favor ou que á miña señora lle prouguese (o meu amor); mais, aínda que o fago así, con toda a miña forza, contra a miña desventura non vale amar nin servir, nin vale razón nin mesura, nin vale calar nin pedir.
(II) Amo e sirvo canto podo e práceme de ser voso (vasalo), e só con que á miña señora non lle pesase o meu servizo, Deus non me dese outro gozo (maior); mais, facendo eu o mellor, contra a miña desventura non vale amar nin servir, nin vale razón nin mesura, nin vale calar nin pedir.
(III) Se algo me fose agradecido de todo canto servín, que non me vale de nada, a miña coita sería gozo, pois servindo esperaría (recibir como recompensa) un gran ben; mais o meu mal é este: contra a miña desventura non vale amar nin servir, nin vale razón nin mesura, nin vale calar nin pedir.
(IV) Porque a xente adoita dicir do que ama lealmente «se non se enfada por iso, ao fin recibe o galardon», amo eu e sirvo por iso; mais vede de onde ven o meu pesar: contra a miña desventura non vale amar nin servir, nin vale razón nin mesura, nin vale calar nin pedir.
(1) Mais, xa que Deus me concedeu a sorte de servir en tan bo lugar (a tan boa dama), quero esperar a mesura, que non me ha de faltar.