(I) Infeliz (de min), mal aconsellado, que non sei encontrar solución e vivo sempre con preocupación, mais non podo pensar en nada que me sexa de proveito contra quen me ten en coita; antes penso que me veña peor do que agora me vén.
(II) Penso isto e penso ben, pois Deus quixo dispor que sempre amei (e fun) desamado, e faime amar unha señora de tanto valor e que é tan fermosa que pola súa fermosura e polo seu valor merece que outro a poida merecer.
(III) Mais eu non amo pola miña vontade nin tampouco penso en me sentir agradecido de Amor, que me ten forzado; porén quérome esforzar, con siso e con lealdade, en amar e ser leal, e señora tan sen maldade non me fará sempre mal, (IV) porque eu sempre me sentirei satisfeito de canto a ela lle agrade, e de cumprir o seu mandado se ela me quixer mandar algo, como se ela me fixese ben, así como me fai mal, ou o meu amor lle prouguese, así como lle desprace.