(I) Don Gonzalo, pois queredes ir de aquí para Sevilla, por verdes a vosa amiga, e non me estraña, contareivos eu as xornadas da viaxe, legua a legua, milla a milla.
(II) Podedes ir a Elvira (Libira) e torceredes un chisco, e despois podedes ir a Alcalá de Guadaira sen terdes pavor nin medo de alí perder a capa nin o manto.
(III) E unha cousa sei eu de vós e diso me orgullo, e por iso volo xuro firmemente decote: que habedes de morrer, no inverno ou no estío.
(IV) Eu por iso vos rogo e volo digo como consello, que vós, entrando en Sevilla vos miredes no espello e non deades un patacón pola morte de Joán Coelho.
(V) Para que vos quixesen todos sempre tivestes empeño; bos golpes de espada destes en España, desde que alí chegastes, e sempre vencestes a quen se enfrontou a vós.
(VI) Alén disto sempre fostes prudente e comedido, tendes abondo de todas as cousas e sodes garrido e ben feito, e nos feitos de armas valente e moi atrevido.
(VII) E xa que a vosa casa tendes ben alumeada e amades a unha amiga fermosa e ben feita, non vos aproveitedes dela, pois non é o apropiado.
(VIII) E xa que sodes un aposto e fermoso cabaleiro, gardádevos de serdes un mesquiño enleante, pois din que pelexastes con Don Joan Coelheiro.
(IX) Con isto que tendes cumpristes máis ca calquera outro; nas cuestións en que vos metestes saístes delas con ben; a quen atacastes, sempre o deixastes escarnecido.
(X) E non mo teñades a mal se toco as vosas armas: que foi das dúas espadas que tiñan un só mango? Porque vos oín eu dicir: «Con estas petei e quebranto».
(XI) E tamén vos oín eu dicir que, a quen queira que chagasen con esta vosa espada, que nunca se desen ao traballo de salvalo se non o cosesen moi ben.
(XII) E por isto vos chamamos nós «o das dúas espadas», porque sempre as traedes aguzadas e afiadas, coas que fendedes os penedos dando grandes espadadas.