(I) Xa eu quixera deixar de trobar se me deixase aquela que mo fai facer; mais non me quere deixar, agás se morrer, como deixarme so o poder de Amor, tan falso e tan traidor que nunca pugna senón por destruír aquel que é seu e non pode fuxir del.
(II) Eu, que non teño a onde fuxir que non haxa de voltar a el e ao seu poder, nunca del puiden recibir ningún ben, pois non o quixo Deus nin el nin a miña señora; antes me fai cada día peor e non espero que de aí me veña ben: con todo isto non podo fuxir del.
(III) E aquel a quen Deus quixese dar o poder de lle fuxir (a Amor) sería moi afortunado, pois das mil coitas en que pode meter a un home libraríase daquel desleal, de quen ninguén pode recibir senón mal; e de Amor nunca vin un vasalo desleal, e vexo a moitos queixarse coma min.
(IV) Por cantos eu vexo queixarse de Amor, se tamén vise que se louvasen por iso, ben me podería desmentir alguén do que del digo; mais non hai ninguén a quen eu vexa dicir de Amor outra cousa senón canto eu digo e que padecín sen recompensa de amor, que eu nunca perdín.