(I) Moitos din que unha gran coita de amor os fai cavilar en máis de mil formas; e eu débome marabillar diso, señora, pois por vós morro e non penso senón no moi fermosa que sodes: e, logo, en como acadarei ben de vós.

(II) E se hoxe alguén ten preocupacións, ben sei, se estas han de ser por coita de amor, que eu debía ter moitas preocupacións; mais, señora, nunca pensei noutra cousa senón no moi fermosa que sodes: e, logo, en como acadarei ben de vós, (III) porque me aflixe o voso amor de tal xeito que entón nunca durmo, así Deus me perdoe, e sempre estou a cavilar no meu interior; pero non penso noutra cousa desde que vos vin senón no moi fermosa que sodes: e, logo, en como acadarei ben de vós.

(IV) E sei que ningún home ten maior coita de amor que a que a min me vén por vós.