(I) Noso Señor Deus, e por que ocultei á miña señora, cando eu a podía ver e lle podía falar, as moitas coitas que por ela levei? Porque eu xa vivín un tempo así, e esperei outro mellor, e perdín aquel, e outro tal xa nunca o recobrarei, (II) porque eu xa vivín en tal tempo en que morei onde eu a podía ver moi ben e onde a vin ser moito máis bela que cantas mulleres vin nin verei, aínda que nunca me atrevín a lle dicir nada de cantas coitas levei polo moito que eu a amaba e amo e amarei (III) mentres eu viva; mais xa non vivirei, agás moi pouco, desde que a non poida ver, pois xa ningún gozo recibirei nunca de ningunha cousa, porque nunca Deus quere que eu pense noutra cousa agás en por que non lle dixen o gran mal e a gran coita que teño por ela.
(IV) Mais en que tempo me fun lembrar (agora) cando non a podo ver de maneira ningunha nin podo encontrar remedio para iso! Mais eu, infeliz, de que tiven receo? Porque non me había de matar por iso nin tampouco había de estar peor con ela do que hoxe estou, ben o sei.
(1) Mais en que podería estar peor, pois eu non vexo aquela que sei amar máis que a min nin a cantas cousas coñezo?