(I) Eu sempre ouvín dicir, miña señora, que é peor de levar un ben moi grande que un mal moi grande, e asómbrome por iso e non o puiden nin podo crer, porque eu sufro mal por vós: tal mal, señora, quéreme matar; e viviría mellor se vós me quixésedes facer ben.
(II) E se eu puidese recibir ben de vós, fique o mal que por vós recibo para quen di isto, e a quen así ten en pouco o mal, Deus o faga vivir con mal sempre e con coita de amor, e así pode ver cal é peor de soportar, se o gran ben ou o gran mal.
(III) E o que isto di non sabe amar ningunha cousa tan de corazón como eu, señora, vos amo a vós; ademais, creo que non sabe o que é desexar un ben tal como o que eu desexei desde que vin a vosa fermosura, que desde ese instante me fai por vós moitas coitas levar, (IV) e do cal, señora, eu ouzo contar que é o ben, e comete unha gran traizón o que recibe ben se pon a súa vontade noutra cousa que non sexa en gardar sempre aquel ben; mais desde agora deberiades ter por ben lembrarvos de min, que mal sufrín sempre por vós, e non ben.
(1) Se o fixerdes, faredes ben niso; se non, sen ben vivirei sempre así, pois non hei de buscar outro ben.