(I) Hoxe escoitei cantar unha pastora cando cabalgaba por unha ribeira, e a pastora estaba soa e escondinme para a escoitar, e dicía moi ben este cantar: «Baixo o ramo verde e florido celébranlle vodas ao meu amigo: choran ollos de amor!».
(II) E a pastora era moi ben parecida e choraba e estaba cantando, e eu moi paseniñamente funme achegando por a ouvir e non dixen nada; e dicía este cantar moi ben: «Ai estorniño do abeledo, vós cantades e eu morro e peno, e sufro de amores!».
(III) Escoiteina suspirar entón e queixábase estando namorada e facía unha grilanda de flores; e choraba moi de corazón e dicía este cantar daquela: «Que coita tan grande teño que sufrir: amar o meu amigo e non o ousar ver! E quedarei baixo o abeledo!».
(IV) Unha vez que a pastora fixo a grilanda, foise cantando, índose de alí devagar, e volvín eu logo ao meu camiño, pois non lle pracía; e dicía ben este cantar a pastora: «Pela ribeira do río ía cantando a doncela por amor: quen ten amores como durmirá, ai bela flor?».