(I) Os que non aman nin saben de amor fanlles perder aos que están namorados; vede por que: cando van ante as mulleres xuran que morren de amor por elas, e elas saben despois que non é así, e por isto perdo eu e os que ben lealmente aman, segundo o que eu penso.

(II) E aqueles que xa non teñen medo de que Amor lles faga sufrir coita, veñen ante elas e xuran mellor ou tan ben como os que están namorados, e elas non saben a cales crer, e por isto perdo eu e os que ben lealmente aman, segundo o que eu penso.

(III) E os abandonados de Amor xuran, estando ante elas, que morren do amor que senten, e menten claramente; mais cando veñen tamén os que están namorados, elas pensan que veñen mentir, e por isto perdo eu e os que ben lealmente aman, segundo o que eu penso, (IV) porque se elas coñecesen os que verdadeiramente senten grande amor, de alguén se apiadaría a súa señora; mais por causa daqueles que o xuraron (falsamente), pensan elas que son todos iguais, e por isto perdo eu e os que ben lealmente aman, segundo o que eu penso.