(I) Abofé, fermosa miña señora, sei eu que Deus vos fixo ser máis fermosa e falar máis belamente que cantas outras donas quixo facer; e outra cousa vos fixo que vos agora direi: fíxovos ser a máis doce e a de máis graza e a mellor feita (de talle).

(II) E por isto, fermosa señora miña, non me debedes vós culpar porque eu non saiba amar outra cousa do mundo agás vós; e máis vos quero dicir: señora, xa nunca eu terei culpa de non amar, en canto eu viva, se non é a vós, xa que Deus me vos fixo ver.

(III) E rógovos, fermosa miña señora, polo Deus que vos fixo nacer, que, embora vos hoxe eu diga o que tanto pesar vos causa, que vós me deixedes vivir onde vos vexa, pois certamente morrerei se non vos vir, e teño pavor que vós perdades coa miña morte (IV) a gran mesura, fermosa miña señora, que vos Deus fixo ter, pois eu non podo ver en ningures unha perda maior para min e para vós que canta coita eu hei vivir por causa de vós, e non xa polo desexo que eu teña, señora, de non morrer.