(I) Aínda que a miña señora non quere de forma ningunha que trobe por ela nin que lle diga canto a amo, sequera no meu cantar non deixarei de a louvar, e despois, cando a vir, rogareille que non sinta pesar por iso.
(II) E non lle debía pesar, antes lle debía agradar, penso eu, o feito de alguén falar ben dela e de a servir, e debía de agradecelo, e a min, se mo consentir, poderame ter (por seu servidor) para sempre.
(III) Se ela me quixese consentir isto que lle rogarei –poder servila–, estareille agradecido mentres viva; e ademais amareina por cima de todo e, para mellor a ter (por señora), nunca nada lle pedirei, (IV) porque, na miña opinión, non pode existir demanda maior que o que está demandado, aquilo polo que alguén serve con todo o seu esforzo e sen pretender conseguir outra cousa: se nese asunto o bo criterio axuda ou non falta o coñecemento, que máis hai que pedir para facer?