(I) Xa que contra vós non me vale, miña señora, servirvos nin amarvos máis que a min mesmo, señora, nin ningunha outra cousa, vállame xa contra vós a maior coita que eu sufro por vós das que Deus fixo no mundo, ai luz destes meus ollos e coita do meu corazón!
(II) E se contra vós non me vale, señora, o gran sufrimento que vós me causades, polo que perdín o sono e a cordura, vállame xa contra vós o pavor que de vós teño, que nunca me atrevín a expresar a coita que me facedes ter, e que ocultei sempre, desde hai moito tempo.
(III) E se isto contra vós non me vale, miña señora, quero eu a Deus rogar por iso que me socorra, xa que vos ten no seu poder e que vos fixo falar mellor que todas as mulleres do mundo, e ser máis fermosa: e, se isto non me vale contra vós, só a morte me valerá en tal situación.