(I) Pois a miña sorte é tal, infeliz de min, que teño que recibir morte por causa dunha muller, moito debo agradecer a Deus e a ela servila, en canto eu estiver vivo, porque morro, e non digo mentira, por tal muller que quen a vexa dirá que morro eu ben –morrer por tal señora!–, (II) porque, xa que eu teño tan gran coita de amor pola que xa non podo vivir moito, está moi ben que saiban, despois de eu morrer, que morro con razón; e moito desexo teño eu disto, mais mal fará quen, despois de eu morrer, vexa a miña señora, pois morrerá como eu morro ou peor, (III) porque non existe no mundo ninguén tan sufridor que a vexa e que poida soportar que ela non lle vaia corresponder; e por iso fará mellor negocio en non a ver, pois de nada lle valerá e por forza morrerá así como eu morro, (como) desexador de ben; (IV) mais eu, que me fago aconsellador doutros, debera para min adoptar tal remedio, mais priváronme del os meus pecados porque vin a mellor muller que naceu nin que existirá e morro por ela! Mais que acontece? Morro moi ben se de tal é coñecedora (1) ela, aínda que sei que sentirá pracer pola miña morte, pois non quixo nin quererá nin quere que eu sexa o seu servidor.