(I) Pregúntanme por que ando sandeu, e non llelo quero eu xa ocultar máis; e, xa que non me podo librar deles nin deixan que manteña oculto o meu mal, direilles eu a verdade e non outra cousa: direilles que ensandecín pola mellor dona que vin, (II) e a máis fermosa –diréillelo realmente, pois non lles quero ocultar nada do que me pasa, porque lles quero ben–, e pola que hoxe eu coñezo de máis valía; e se de novo me preguntaren outra vez, direilles que ensandecín pola mellor dona que vin.
(III) E Deus sabe o difícil que é para min dicirlles o que sempre ocultei! Mais, porque me apreman, direi aos meus amigos, e a outros non, unha gran verdade, así Deus me perdoe: direilles que ensandecín pola mellor dona que vin.
(IV) E se eles a viren, crerán que eu lles digo a verdade, sen dúbida, e deixarán xa de me preguntar; e se tampouco o quixeren facer, querereilles eu dicir a verdade: direilles que ensandecín pola mellor dona que vin.