(I) A dona que Deus fixo máis fermosa e que fixo falar mellor e máis razoadamente de todas as que viven no mundo, e, aínda, ter mellor prez, e ser máis doce de todas as que eu vin, esta me fixo Deus a min desexar para endexamais poder perder a coita.

(II) Non me fixo Deus amar tal dona nin ma mostrou senón por isto: para eu ter moi gran coita no meu corazón mentres viva; por iso, infeliz, en mal día nacín, pois, mentres viva, vivirei así por quen nunca ha saber iso da miña boca.

(III) Nin o saberá xa por outra persoa, pois eu non llo direi nunca a ninguén, abofé; e aínda farei isto: ocultareillo xa sempre até que morra, e se alguén mo puidese adiviñar e despois a vise e se esforzase tanto que lle ousase dicir algunha cousa, dirao por si, (IV) pois eu ben sei, abofé, que se esforzará tanto como me esforzo eu, cando a vexo, que non sei, de modo ningún, que lle dicir nese momento, e el tamén o fará así: se por ventura lle quixer dicir algo, cando estiver diante dela, todo lle esquecerá, (1) porque, así Deus me perdoe, cando vexa o seu fermoso rostro, que o demo leve o que ha de lembrar!