(I) Cando eu un día fun en romaría a Compostela vin unha pastora que, desde que nacín, nunca tan fermosa vin nin vin outra que mellor falase, e soliciteille logo o seu amor e fixen por ela esta pastorela.

(II) E díxenlle eu logo: «Fermosa doncela, vós querédesme por entendedor, que vos darei boas toucas de Estela e boas cintas de Rocamadour e outros agasallos, que vos gusten, e un fermoso pano para facer un vestido?».

(III) E ela dixo: «Eu non vos quero por namorado, porque nunca vos vin antes de agora nin aceptaría os vosos presentes, que sei que non son para min; pero coido eu que, se os aceptase así, alguén hai no mundo que sufriría un pesar.

(IV) E se viñese outra, que lle diría se me dixese “por vós perdín o meu amigo e as dádivas que me traía”? Eu non sei nada que lle puidese responder a iso; se non fose isto que temo, non vos digo agora que non o faría».

(V) Dixen eu: «Meniña, razoades ben, mais crede, se non vos pesa, que hoxe non existe no mundo outra (muller) nacida, agás vós, que eu ame, e por isto vos veño rogar que eu sexa o voso home desta vez».

(VI) E dixo ela, moi ben ensinada: «Por entendedor vos collerei e, cando a romaría acabe, aquí, de onde nacín, do Sar, coido que, se me queredes levar, eu irei convosco e fico contenta convosco».