(I) Que ben sei eu ocultar a miña coita e o meu mal, que nunca ninguén mo pode ouvir; mais de que pouco me vale a min, pois eu non amo tal señora que se sinta no deber de algunha vez mo agradecer!

(II) Mais faga como quixer, porque eu sempre a servirei, e canto a puider manter en segredo de todas as maneiras a manterei, pois por que hei eu de dicir aquilo con que me poidan saber que grande insensatez cometín, (III) e da que non me ha librar ningunha cousa senón a morte, pois Deus, que ma fixo moito amar, non quere, nin o meu corazón? Mais a Deus rogarei por iso que me dea cedo ben dela, ou a morte, se esta situación me vai durar moito tempo.

(IV) E ben debo eu antes querer a miña morte que vivir así, pois Amor non me quere socorrer e a que eu sempre servín me desama máis que a calquera outra cousa. Mais fun un home insensato, porque marchei de onde ela está!