(I) De moi boa gana quería eu facer unha cantiga tal pola miña señora cal a debía facer todo trobador que amase tal señora como eu a amo; e non a sei facer, e cavilo moito niso, aínda que non a podo facer tal como a merece.

(II) Tería moita necesidade de saber trobar moi ben quen por tal señora quixese trobar, e a min, infeliz, nunca Deus me quixo dar a entender o argumento que eu hoxe preciso para falar daquilo en que sempre pensei: do seu ben e da súa beleza.

(III) Mais como pode achar un bo argumento home coitado que perdeu o siso como o eu perdín? E, cando falo, xa non sei nada do que digo nin do que non, e con gran mal non pode ninguén trobar, e non sinto pracer agás en chorar, e chorando nunca farei unha boa melodía.

(IV) E por isto ben vexo eu que non podo facer a cantiga tan ben porque xa perdín o xuízo chorando, infeliz, e o meu corazón xa non sabe facer outra cousa agás pensar na miña señora; e, se quero cantar, choro, porque me lembro dela entón.