(I) Se un home tivese que morrer, señora, ao ver un gran pesar da cousa que máis amase de todas cantas fixo Deus, eu non podería vivir máis desde que vos aquí foron coller, contra a vosa vontade, e vos levaron, e eu non vos puiden valer nese trance.
(II) Non se me ocorreu ningún remedio para poder aturar a coita que me embargou ao ver a forza que tivestes que soportar, e ben quixera antes morrer de vez que ficar vivo para ter que estar vendo un pesar tan grave,
(III) e nunca desde ese intre poder agardar xamais ningún pracer neste mundo, e ter sempre que me queixar a Deus, por El querer isto; mais ben podo crer unha cousa: que Deus, que me mostrou isto, por iso non me mata, para que (eu) teña sempre que sufrir
(IV) e para que nunca poida librar estes meus ollos de chorar, e para que teña sempre que vos desexar a vós e a vosa fermosura, que nunca me ha de esquecer, e para sempre matinar no meu mal: ben me podo asombrar por non me levar a morte!
(V) E nunca a Deus lle queira pracer de El querer mostrar a ninguén tanto pesar canto el (/El) podería soportar.