(I) Fermosa señora, desde que vos vin sempre me esforcei en evitar que soubesen a coita que eu sempre tiven por vós no meu corazón, pois Deus así o quere: que saiban todos o moi grande amor e a gran coita que sufro, señora, por vós desde o primeiro momento en que vos vin.

(II) E logo que saiban que coita sufrín por vós, señora, moito me pesará, porque temo que alguén dirá que non tendes mesura comigo, que vos amei sempre máis que a cousa ningunha, e nunca me quixestes facer ben nin escoitar nada do que sufrín por vós.

(III) E logo que eu vexa, señora, o gran pesar que sei que me ha de dar a morte, con moi gran coita terei que dicir: «Ai Deus, por que me van matar así?». E hanme ver triste e sen pracer e por isto entenderán, señora, que por vós teño todo este pesar.

(IV) E xa que é así, véñovos rogar que non vos pese, señora, que vos sirva e que me queirades consentir, por Deus, que diga eu isto no meu cantar: que hai unha dona que me ten no seu poder, que sodes vós, miña señora e meu ben, e máis que isto non me atrevo a vos rogar.