(I) Señora, que coitado vivo eu hoxe no mundo, e quérovolo dicir eu xa! Decátanse todos da miña morte e da miña coita, e non o podo ocultar e non sei que facer nesta situación. Mais isto, señora, sempre será xurado voluntariamente por min: que nunca vos amei!
(II) E cando a min me rogan moitos que lles diga por Deus se vos amo, eu logo lles xuro que amo outra muller máis que ningunha outra cousa, e non a vós, señora, por quen eu tanto afán levei. Mais isto, señora, sempre será xurado voluntariamente por min: que nunca vos amei!
(III) Eses vosos ollos fan que eu non teña poder para me ocultar, porque, desde que os vexo, non podo por nada afastar deles os meus ollos, nin o meu corazón nunca de vós o afastarei. Mais isto, señora, sempre será xurado voluntariamente por min: que nunca vos amei!
(IV) Eu podo cometer perxurio, mais nunca por min saberán a verdade disto; mais a Deus, que coñece a miña coita, rogo que me auxilie en tal situación, porque, se non me auxilia, certamente morrerei por vós. Mais isto, señora, sempre será xurado voluntariamente por min: que nunca vos amei!
(V) Cando vos eu vin un día e sentín o pracer de ver os vosos ollos, logo me dixeron, porque vos ollaba, que morro, señora, por vós e que de ningunha outra cousa sinto desexo. Mais isto, señora, sempre será xurado voluntariamente por min: que nunca vos amei!