(I) Señora, todos se decatan xa da miña morte, de que eu hei morrer, e senten gran dó de min e non me poden auxiliar en tal situación, porque din que eu moi ben o busquei porque vos amei: (unha) muller a quen non ousará nin sequera se atreverá ningún home a falarlle diso.

(II) Non me saben dar consello, agás canto vos agora direi: din que faga o posíbel por soportar o meu mal canto o puider soportar, pois pouco me ha durar por causa da morte que me librará del, pois non tendes unha fermosura tal que moito (tempo) poida vivir quen vos desexar.

(III) Desamparáronme, señora, cantos amigos teño no mundo, que nin sequera me queren ver e din que non poderei vivir; e morro con pena por min mesmo, porque me fun así matar ao desexar o voso amor, pois este é o maior ben de cantos Deus quixo facer.

(IV) Non me vos podo eu xa librar de sufrir morte por vós; mais, pois vexo que morrerei, quérovos dicir a verdade: todo o mundo non vale nada, señora, agás o voso ben, para quen Deus llo quixese dar; e quero eu sobre isto desenganarvos a vós e a cantos coñezo no mundo.

(1) E, sábeo Deus, non me é suficiente (remedio), señora, coa miña morte por outra razón agás porque vos perderei a vós, de vos nunca máis poder ver nin falar convosco, (2) xa que por calquera outro pracer do mundo, e mentres eu estiver vivo, nunca hei temer a miña morte.