(I) Señora fermosa, grande envexa teño eu de todo aquel que vexo morrer, e segundo o que eu agora sei, mentres isto sexa así, fágoo con moita razón, porque sinto por vós no meu corazón unha coita tan grande que mil veces me ten, señora, sen fala e sen siso ningún, e non queredes ter dó de min, (II) aínda que, señora, unha cousa vos direi: con todo isto agora eu non podo, abofé, terlle envexa a ningún home de cantos están vivos; mais eu fago isto porque sei que non vive ningún home que reciba de vós máis ben ca min, que non teño nada de vós agás canto agora me ouvistes dicir, (III) e porque sei tan ben, abofé, que non sei outra cousa no mundo mellor, que xa, mentres viva, ningunha cousa me pode librar de levar esta coita que levo, se eu de vós non tiver algún ben; e o que diso non me pode librar xa non me pode ser de proveito para ningunha outra cousa, señora, (IV) porque esta coita tan grande é, señora, como vos eu dixen, e xa o é maior, e crede ben que non é menor, e agora, por Deus, que vos fixo falar moi ben e ser moi fermosa, señora, tende dó de min se vos prouguer, e, se o fixerdes, xa houbo unha muller que coidou peor da súa alma.