(I) Señora fermosa, pois sentides pesar porque vos amo máis que a min mesmo nin a ningunha outra cousa, direivos unha gran verdade, e, se non, mal me veña de vós, que me queredes mal: non vos amo eu pola miña vontade, e, miña señora, xa que iso vos pesa, quérovos dicir a quen vos debedes dirixir: (II) a vós, señora, que sodes tan fermosa, e a quen vos fixo parecer así, que a cantas donas eu vin no mundo todas vós as vencedes en fermosura e en boa fama e en falar mellor; e, xa que Deus tanto ben vos concedeu, señora, non me vos queixedes de vos eu amar, (III) porque non depende de min, infelizmente, nin Amor quere que eu o poida evitar, nin Deus, nin a vosa fermosura, porque me teñen de tal modo forzado que me fan amarvos moi de corazón; e, así Deus me perdoe, non vos causo pesar niso pola miña vontade.

(IV) E, miña señora, se Deus quixese que eu me librase de tan gran coita, non me mostraría a vosa fermosura nin a vós, señora, que eu, infeliz, vin para o meu mal e para o destes meus ollos; e, xa que vos vin, nunca despois quixo Deus que perdese eu a gran coita e o grande afán.

(1) E esta gran coita, como a perderei? Xa que vos pesa porque vos amei, sei que, se vivo, vivirei coitado.