(I) Señora fermosa, por Noso Señor e por mesura e porque non me resta máis que a morte, e cedo será, e porque son o voso servidor, e outrosí polo ben que vos quero, ai miña luz, apiadádevos de min!

(II) Por mercé que vos veño pedir e porque son voso e porque non me interesa ningunha outra cousa, nin tería sentido, e porque sempre vos hei de servir, e outrosí polo ben que vos quero, ai miña luz, apiadádevos de min!

(III) Porque vós nunca sairedes perdendo por terdes piedade de min, e por cal vos fixo Noso Señor, e por outra cousa –porque eu souben apreciar ben como sodes–, e outrosí polo ben que vos quero, ai miña luz, apiadádevos de min!

(IV) Por tan doce e por tan estimada e por tanta xentileza con que Noso Señor vos fixo falar, e porque vos fixo ollar máis fermosamente que cantas El fixo, e outrosí polo ben que vos quero, ai miña luz, apiadádevos de min!