(I) Señora, xa que Deus non quere que me queirades crer a coita que me por vós vén, por Deus, crede que vos amo e xa nunca máis me fagades outro ben; e se me queredes crer isto, poderei eu perder a coita moi grande, e vós, señora, non vexo que perdades (nada) (II) por socorrerdes o voso vasalo que matades e que vos ama máis que a calquera outra cousa; eu propio vos digo que non acho quen me dea un remedio nin vós mo dades, mais Deus sabe canto vos eu hoxe amo de corazón, e, así El me perdoe, desámome a min porque me desamades, (III) certamente, miña señora, e sabede que por isto perdín a razón; mais se Deus quixer que alguén vos diga canto vos amo e que vós o creades, poderei eu recobrar a razón a partir dese momento; e se a vós vos prouguer que así sexa, sempre por iso boa ventura teñades.