(I) Señora, que Deus fixo ser moito máis fermosa que cantas outras donas eu vin, (oxalá) soubésedes canto eu temín sempre o que agora quero realizar: dicirvos, señora, o moito que vos amo e canto mal me vén, señora, por vós, a quen eu vin para o meu mal.
(II) E Deus sabe que con moita dificultade vin eu aquí dicirvos como eu me vexo morrer por vós, señora; mais non podo facer outra cousa, e, sequera por Deus, tende dó de min, que morro por vós, sabede isto ben, e, se quixésedes, señora, por iso non me debiades deixar morrer.
(III) E xa que vos comecei a dicir canto vos amo, se vos non causa pesar, señora fermosa, quérovos rogar, por Deus, que non vos pese que vos vexa nin que fale convosco; e obraredes ben e con gran mesura, e, na miña opinión, coido que non ten por que vos pesar.
(IV) E, miña señora, por eu falar convosco nunca vós por iso podedes perder nada, e salvarédesme a min; e, se o quixerdes facer –quérovos desenganar, señora–, todos volo terán por ben feito; e, miña señora, máis vos direi eu sobre isto: moito perdedes vós en me perder, (1) porque, señora, vós téndesme en moi boas condicións, como que non vos hei de custar nada e heivos servir xa mentres viva.