(I) Tanto ben fai Deus á miña señora sobre todas cantas no mundo quixo facer que vos direi agora o que me acontece: aínda que me vexo morrer por ela, non querería amar a mellor das outras para ter o seu amor (II) e non amar a miña señora, que eu vin tan fermosa e que vale tanto e en quen eu percibín que había tanto ben; aínda que insiste en me facer mal, non querería amar a mellor das outras para ter o seu amor, (III) aínda que non teño ningún ben dela, e morro así e non me ten por seu (servidor); vale tanto sobre cantas (donas) eu coñezo que, pois Deus me deu tan boa señora, non querería amar a mellor das outras para ter o seu amor, (IV) porque me fixo Deus amar tan boa dona que me vale máis vela unha vez que todo o ben que outra me podía dar; e, xa que Deus a fixo tan boa dona, non querería amar a mellor das outras para ter o seu amor.