(I) Vós que así me estades forzando, miña señora, para que eu deixe de vos amar, de verdade pensades que eu teño algún poder, señora, para deixar de o facer? Pois vós non o facedes por outra causa, mais a verdade vos quero eu dicir: nunca Deus me quixo dar este poder. 

(II) Mais, se Deus mo concedese agora, miña señora, aínda me podería ser de axuda, pois logo eu deixaría de ter unha gran coita e de vos causar pesar; mais a vosa gran beleza, que eu non debera ter visto en persoa, privoume xa de nunca mo Deus dar. 

(III) E privoume por sempre, miña señora, abofé, de nunca eu saber o que é o pracer, señora, sen vos ver; e, señora, non volo quero eu negar: se de min non vos quixerdes doer, cedo me veredes morrer por vós, pois xa me eu vexo andar así. 

(IV) E se digo algo que vos causa pesar, miña señora, non me debedes culpar por iso, porque, mentres eu puiden soportar a miña coita, non vos fun dela falar nin obrei por causa dela indebidamente; mais agora xa non sei que remedio aplicar a esta coita en que me vexo andar.