I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 85); Minervini (1974: 57 [= LPGP 110]); Cohen (2003: 144); Littera (2016: I, 111).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 97); Braga (1878: 51); Machado & Machado (1952: III, 326-327).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 313-314).
1-2 mund’ei / a meu] munde ay / Meu B : mundey / meu V 5 morrer] moirer B 6 gran] g̃ra B 7 coraçon] coracō B 11 morrer] moirer B 15 ben-fazer] ben fizer V 17 morrer] moirer B 19 morrer] moirer B
3 é] e Nunes, Minervini 7 que lh’eu] qual eu Cohen 13 que lhi] qual i Cohen; min] mi Nunes 15 ben-fazer] bem fazer Littera 16 val[v]er] valer Nunes, Minervini, Littera
(I) A maior coita que eu teño no mundo non me atrevo a dicirlla ao meu amigo: é amigo que nunca soubo desexar outra senón a min, ben o sei, e se o eu deixase morrer por min será unha grande inxustiza, e non hei de facer (II) de forma que o meu corazón o quixese como a min me quere o meu (amigo) desde que me viu, e ningún amor nunca de min sentiu e sufriu coita por min desde entón, e se o eu deixase morrer por min será unha grande inxustiza, e non hei de facer (III) de forma que o amase, cal a min me ama o meu (amigo), que hai tanto tempo xa que desexou o meu favor, e nunca lle serviu de nada e morrerá se eu non o socorrer, e se o eu deixase morrer por min será unha grande inxustiza, e non hei de facer (IV) a maior inxustiza que pode haber: que unha muller deixe o seu amigo por si morrer.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C + 10c 10c (= RM 160:12)
Esta composición é unha verdadeira cantiga ateúda atá fiinda, con ligazón sintáctico-discursiva entre as súas tres estrofas, aínda que non fose incluída na relación de ateúdas de Gonçalves (2016 [1993]: 269-270), nin tampouco Nunes ou Minervini considerasen esa posibilidade. Cfr. nota á cantiga 15.
En xeral, na cantiga percíbese unha sintaxe laxa que explica as decisións contraditorias dos editores canto á ligazón interestrófica (efectuada en Littera); en calquera caso, semella que o discurso da amiga está dirixido a unha confidente (cfr. o meu (amigo) nos vv. 8 e 14).
Nótese como a inicial preposición a do v. 2 foi integrada na lección ofrecida por B para o final do v. 1, mentres que en V foi directamente omitida. Por outra parte, é de subliñar que estes dous versos reflicten unha expresión de sintaxe vaga (nótese a elipse da forma verbal é: ‘A maior coita que teño no mundo é non lle ousar falar ao meu amigo), que se prolonga no resto da composición.
O sentido do período e a necesidade dun verbo principal esixe interpretar como forma verbal é o que Nunes e Minervini editaron como conxunción copulativa.
No corpus das cantigas profanas, as construcións dos verbos desejar / nembrar / querer + senon mi(n) (véxase tamén 689.8-9, 798.16-17, 928.2) non presentan a preposición a, dun modo similar ao que acontece nas construcións amar máis ca mí/min (nen al) e querer melhor ca mí/min (véxanse notas a 44.13 e 177.22) e mais querer maior ben / ben maior ca mi(n)/sí (véxase nota a 679.5-6).
O pronome persoal tónico mí, en función de CD, pode aparecer sen preposición a, igual que os restantes pronomes tónicos oblicuos (ti, el(as), nós, vós), que presentan idéntico comportamento na lingua trobadoresca. Cfr. nota a 4.9.
Cohen modifica a lección dos manuscritos nos vv. 7 e 13 para tentar racionalizar unha expresión un bocado confusa: o editor das cantigas de amigo mudou a conxunción inicial de estrofa que en prol de qual para estabelecer unha comparación non ei de fazer qual... No entanto, xulgamos que se debe interpretar que como unha conxunción consecutiva, ao tempo que tanto no v. 8 como no v. 13 o meu refírese ao amigo: ‘se eu deixo ao meu amigo morrer de amor por min será unha inxustiza, mais eu non vou mudar o meu corazón para que o queira como me a min quere o meu (amigo)’.
A formación nominal ben-fazer ‘beneficio, auxilio, favor’, derivada do correspondente sintagma tan frecuente na cantiga de amor, é de uso limitado no corpus trobadoresco (119.17, 143.7, 178.31, 405.6, 513.15, 857.6, 928.6, 954.22, 1065.30, 1119.23, 1330.2, 8 e 15, 1338.10 e 1408.6). De calquera maneira, o mesmo substantivo composto pode verse, en formulación singular e plural, noutras obras da última Idade Media:
Ca o escudeiro que anda con algun senhor e o senhor lhe non dá encarrego de seus feitos, como encomendando-lhe ofiçio ou mandando recadar algũas cousas, sempre seu bemfazer está en ventura (Livro de Monteria; cfr. CGPA).
e as rrendas eram postas em seu poder, afora muitos herdamentos moviis e de rraiz e muito bem-fazer da rrainha sua irmãa (Fernão Lopes, Crónica de D. Fernando; Macchi 2004: 355-356).
Milhor cousa he padecer por uerdade tormẽto que per louuaminha e per adulaçom gaanharem bemfazer (Orto do Esposo; cfr. CGPA).
ca veemos que alguũs synaaes dan largamente aos que lhe pormeten en grandes bem fazeres (Livro das Confissões; Martín Pérez 2012-2013: 367).
A vogal aberta de quer obriga á emenda editorial, realizada por Lapa (1982: 162) e acollida por Cohen, sobre a lección <ualer>, forta analóxica do futuro de subxuntivo que aínda presenta a forma máis etimolóxica valver nalgunhas cantigas (véxase 117.12). De todos os xeitos, a mesma corrección en prol de valver é necesaria, por razóns rimáticas, tamén en 1064.4.