961 [= RM 63,9]
A mia senhor, que me ten en poder

A mia senhor, que me ten en poder
e que eu sei máis d’outra ren amar,
sempr’eu farei quanto m’ela mandar
a meu grado que eu possa fazer;
mais non lhi posso fazer ũa ren
quando mi diz que lhi non quera ben,
ca o non posso comigo poer,
ca, se eu migo podesse poer,
se Deus mi valha, de a non amar,
ela non avia que mi rogar,
ca eu rogad’era de o fazer;
mais non posso querer mal a quen
Nostro Senhor quis dar tan muito ben
como lh’El deu, e tan bon parecer.
[E] sa bondad’e seu bon parecer
mi faz a mí mia senhor tant’amar
(e seu bon prez e seu mui bon falar)
que non poss’eu, per ren, i al fazer;
mais ponha ela consigo ũa ren:
de nunca ja máis mi parecer ben,
porrei mig’eu de lhi ben non querer.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 959, V 546

Edições


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 380-381); Rodríguez (1980: 114 [= LPGP 375-376]); Littera (2016: I, 434-435).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 196); Braga (1878: 104); Gassner (1933: 411-412); Machado & Machado (1953: IV, 329-330); Fernández Pousa (1959: 99).

Variantes manuscritas


1 en] eu V   2 eu] en B   9 Deus] des V   16 a mí] (q) amj B : amī V   21 porrei] Poirey B

Variantes editoriais


6 quera] queira Nunes : que[i]ra Littera   15 [E] sa bondad’e seu bon] Sa bondad’e [o] seu bon Nunes : Sa bondad’e [tan] seu bon Rodríguez : Sa bondad’e seu bom Littera   16 mí] min Nunes, Rodríguez : mim Littera

Paráfrase


(I) Á miña señora, que me ten no seu poder e a quen eu sei amar máis que a calquera outra cousa, sempre eu lle farei de bo grado canto ela me mandar que eu poida facer; mais non lle podo facer unha cousa cando me di que non a ame, pois eu non podo decidir iso, (II) pois se eu puidese decidir, así Deus me valla, non a amar, ela non tería que me rogar, pois eu mesmo me rogaría para o facer; mais non podo querer mal a quen Noso Señor lle quixo dar tanto ben como El lle deu, e tanta beleza.
(III) E a súa bondade e a súa fermosura fanme a min amar tanto a miña señora (e a súa fama e a súa agradábel conversa) que non podo, por nada, facer outra cousa ao respecto; mais decida ela unha cousa: nunca xa máis parecerme fermosa, (e) eu decidirei non a amar.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:36)

Encontros vocálicos: 12 ma·is; 19 consigo‿ũa

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga, igual que as cantigas 213, 270, 926 ou 960, entre outras, presenta unha ligazón interestrófica coa copulativa e entre as estrofas II e III (con ligazón causal nas estrofas I-II) que facilmente, por medio dunha disposición tipográfica minúscula e unha puntuación máis leviana, se podería interpretar como unha cantiga ateúda atá a fiinda. Véxase nota á cantiga 74.

    Por outra parte, nótese o artificio rimático ao longo da cantiga, coa repetición da palabra rimante nas tres estrofas no v. 2 (amar), no v. 4 (fazer) e no v. 6 (ben).

  • 6

    Mantemos a forma quera da lección dos códices por se tratar da forma etimolóxica do presente subxuntivo de querer (< quaeram, quaeras etc.), forma minoritaria con presenza indubitábel na lingua medieval e no corpus poético trobadoresco. Cfr. nota a 73.16.

  • 12

    Para a correcta medida decasilábica do verso é necesaria a contaxe bisilábica de mais (véxase Ferreiro 2016c).

  • 15

    A solución ecdótica máis económica para a hipometría versal reside na reintegración da copulativa inicial da estrofa, ausente en numerosas pasaxes dos apógrafos italianos, que culmina, deste modo, a continuidade discursiva da cantiga con esta ligazón da derradeira estrofa. Casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.

  • 19

    A sinalefa do verso deberá ser en consigo‿ũa para manter o acento na 4ª sílaba.

Procurar
    Não foram encontrados resultados