1087 [= RM 121,4]
A vós fez Deus, fremosa mia senhor

A vós fez Deus, fremosa mia senhor,
o maior ben que vos pod’El fazer:
fez-vos mansa e melhor parecer
das outras donas, e fez-vos melhor
dona do mund[o] e de melhor sén.
Vedes, senhor: se al disser alguen
con verdade non vos pod’al dizer.
Feze-vos Deus e deu-vo-lo maior
poder de ben, e fez-vos máis valer
das outras donas, e fez-vos vencer
toda-las donas, e fez-vos melhor
dona do mund[o] e de melhor sén.
Vedes, senhor: [se al disser alguen
con verdade non vos pod’al dizer].
E, porque é Deus o máis sabedor
do mundo, fez-me-vos tal ben querer
qual vos eu quer’, e fez a vós nacer
máis fremosa, e fez-vos melhor
dona do mund[o] e de melhor sén.
Vedes, senhor: [se al disser alguen
con verdade non vos pod’al dizer].
E o que al disser por dizer mal
de vós, senhor, do que disser nen d’al,
cofonda Deus quen lho nunca creer.
E quer’end’eu todos desenganar:
o que m’esto, senhor, non outorgar
non sabe nada de ben conhocer.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 

Manuscritos


B 1084, V 676

Edições


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 452-453 [= LPGP 794-795]); Reali (1964: 79-80); Fernández Campo (2012: 96); Littera (2016: II, 320-321).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 238-239); Braga (1878: 129); Machado & Machado (1956: V, 113-114).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 132); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 184); Alvar & Talens (2009: 368-370); Ferreiro (2023a: 30).

Variantes manuscritas


8 Deus] des V   16 mundo] munde B

Variantes editoriais


2 vos] vus Reali; pod’] pôd’ Nunes, Littera   3 vos] vus Reali   4 vos] vus Reali   5 mund[o]] mund’ Reali, Fernández Campo   7 vos] vus Reali   8 vos] vus Reali   9 vos] vus Reali   10 vos] vus Reali   11 vos] vus Reali   12 mund[o]] mund’ Reali, Fernández Campo   14 vos] vus Reali   16 mundo, fez-me-vos] mund’e fez-me-vus Reali   17 vos] vus Reali   18 vos] vus Reali; e fez-vos melhor] e fez-vos [a] melhor Nunes, Littera   19 mund[o]] mund’ Reali, Fernández Campo   21 vos] vus Reali   25 quer’end’eu todos] querend’eu todus Reali

Paráfrase


(I) Fíxovos Deus, miña señora fermosa, o maior ben que El vos podería facer: fíxovos de carácter doce e ser máis fermosa que todas as outras mulleres, e fíxovos a mellor dona do mundo e de mellor xuízo. Vede, señora: se outra cousa dixer alguén, verdadeiramente non vos pode dicir outra cousa.
(II) Fíxovos Deus e concedeuvos o maior ben que puido, e fíxovos valer máis que as outras donas, e fíxovos vencer todas as mulleres e fíxovos a mellor dona do mundo e de mellor xuízo. Vede, señora: se outra cousa dixer alguén, verdadeiramente non vos pode dicir outra cousa.
(III) E porque Deus é o máis sabio do mundo, fíxome querervos tanto como vos eu quero, e a vós fíxovos nacer a máis fermosa, e fíxovos a mellor dona do mundo e de mellor xuízo. Vede, señora: se outra cousa dixer alguén, verdadeiramente non vos pode dicir outra cousa.
(1) E o que outra cousa dixer por falar mal de vós, señora, polo que dixer e por calquera cousa, Deus confunda a quen algunha vez llo crer.
(2) E quero eu desenganar a todos sobre esta cuestión: quen nisto non me dea a razón, señora, non sabe nada de recoñecer o ben. 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C 10B (= RM 163:11) + 10d 10d 10b + 10e 10e 10b

Encontros vocálicos: 18 má·is

Notas


Texto
  • *

    A composición de Armea presenta un artificio de repetición da secuencia e fez-vos melhor no final dos cuartos versos de todas as estrofas.

  • 5

    A métrica indica que debe ser restaurada a vogal final de mundo non primeiro verso do refrán para conseguir a medida decasilábica.

  • 8

    A variante bisilábica feze, do lat. fēcĭt, con manutención de -e final após /dz/ é minoritaria en relación a fez e, mesmo, á variante fezo coa innovadora desinencia -o (cfr. nota a 53.16 e 56.14). Na realidade, feze aparece especialmente cando utilizada co clítico -o/-a, aínda que se rexistra tamén noutros contextos (167.5, 184.16, 260.2, 331.12, 332.2, 479.13, 484.21, 580.13, 1087.8, 1398.6, 1593.9). Nótese, mesmo, que nesta cantiga a variante fez aparece nos vv. 1, 3, 4, 9, 10, 11, 16, 17 e 18, feito que demostra a consciente selección da variante por razóns métricas.

  • 16

    Reali segue fielmente a lección de B, o que implica a utilización dunha copulativa e expletiva, desnecesaria a partir da mellor lección de V.

  • 18

    Máis unha vez a contaxe bisilábica de mais evita a integración de Nunes ([a] melhor dona), pois a hipometría é só aparente (véxase nota a 12.8). É máis: a introdución do artigo quebra o xogo métrico da repetición do final dos cuartos versos da composición.

  • 24

    Repárese en que neste verso creer é P3 de futuro de subxuntivo, coa forma xa regularizada fronte á aínda maioritaria crever. Véxase nota a 149.7.

  • 25

    A consideración dun xerundio querend(o), sen segmentar a P1 quer(o) e o pronome end(e) en quer’end’eu, fai que o texto proposto na edición de Reali fique sen verbo principal.

     

Procurar
    Não foram encontrados resultados