1074 [= Tav 1,1 (= 22,2)]
Abril Perez, muit’ei eu gran pesar

– Abril Perez, muit’ei eu gran pesar
da gran coita que vos vejo sofrer,
ca vos vejo come mí lazerar
e non poss’a mí nen a vós valer,
ca vós morredes come eu d’amor;
e, pero x’ést’a mia coita maior,
dereito faç’en me de vós doer.
– Don Bernaldo, quero-vos preguntar
com’ousastes tal cousa cometer
qual cometestes en vosso trobar,
que vossa coita quisestes põer
con a minha, que, quant’é mia senhor,
Don Bernaldo, que a vossa melhor,
tanto me faz maior coita sofrer.
– Abril Perez, fostes-me demandar
de tal demanda que resposta non
á i mester, e conven de provar
o que dis[s]estes das donas; enton
enmentemo-las, e sabe-las-an,
e, pois-las souberen, julgar-nos-an,
e vença quen tever melhor razon.
– Don Bernaldo, eu iria ementar
a mia senhor, assi Deus me perdon,
se non ouves[s]e med’en lhe pesar;
eu a diria mui de coraçon,
ca ũa ren sei eu dela, de pran:
que, pois-la souberen, conhocer-lh’-an
melhoria quantas no mundo son.
– Abril Perez, os olhos enganar
van omen das cousas que gran ben quer:
assi fezeron vós, a meu cuidar;
e, por seer as[s]i com’eu dis[s]er,
se vós vistes algũa dona tal,
tan fremosa e que tan muito val,
mia senhor é, ca non outra molher.
– Don Bernaldo, quero-vos conselhar
ben e creede-m’én se vos prouguer:
que non digades que ides amar
bõa dona, ca vos non é mester
de dizerdes de bõa dona mal,
ca ben sabemos, Don Bernaldo, qual
senhor sol sempr[e] a servir segrel.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 
 
 
35
 
 
 
 
40
 
 

Manuscritos


B 1072, V 663

Edições


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 144-145 [= LPGP 163-164]); Indini (1978: 138-139); Lopes (2002: 24-25); Littera (2016: I, 154-155).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 234); Braga (1878: 126-127); Machado & Machado (1956: V, 90-91); Camargo et alii (1992: 38-39); Callón (2017: II, 36-37).
III. Antoloxías: De la Iglesia (1886: III, 11-12); López-Aydillo (1914: 39); De las Casas (1928: 29-30); Fernández Pousa (1951: 91-92); Piccolo (1951:4-6); Nunes (1959: 269-270); Landeira Yrago (1975: 128-129); Tavares & Miranda (1987: 202-203); Jensen (1992: 380-382); Fidalgo (2009: 220-221).

Variantes manuscritas


5 morredes come eu] moiredes comeu B : morreredes comeeu V   7 faç’en] fazen V   9 cometer] comecer B   11 põer] poner V   13 vossa] nossa B   14 om. B   17 conven] cōuera V   18 o] e V   19 e] et V   20 e] et V; nos] nas BV   21 e vença] e uenca B : et uēza V   22 iria] hyrra V   23 Deus] des V   25 coraçon] coracon B : corazō V   26 de] om. B   28 quantas] ꝙʷtas B : ꝙ̄tas V; no] nō (co til riscado) V; son] ssem B   30 van] Nam B   33 algũa] alguna B; dona] dono V   35 molher] melhor B   39 bõa] Bona B   40 bõa] bona BV

Variantes editoriais


1 Perez] Peres Littera   2 vos] vus Indini   5 come] com[o] Lapa, Lopes   11 põer] poner Indini   15 me] om. Lapa   19 enmentemo-las] ẽmentemo-las Lapa   20 pois-las] poi-las Lapa : poi’las Lopes : poilas Littera; julgar-nos-an] julgar-nas-an Indini   22 ementar] enmentar Lopes, Littera   28 melhoria quantas no mundo] melhor ca quantas no mundo Lopes : melhori’a quantas no mundo Indini : melhor ca quantas [e]no mundo Littera   29 Perez] Peres Littera   31 fezeron vós] fezeron-vos Indini : fezerom-vos Littera   32 dis[s]er] dizer Indini   33 algũa] alguna Indini   39 bõa] bona Indini   40 bõa] bona Indini   42 sempr[e] a] sempr’a Lapa, Lopes, Littera

Paráfrase


(I) –Abril Perez, eu teño un gran pesar pola gran coita que vos vexo sufrir, pois véxovos laiar coma min e non me podo axudar a min nin a vós, pois vós morredes de amor coma min: e aínda que a miña coita é maior, fago ben en ter dó de vós.
(II) –Don Bernaldo, quérovos preguntar como ousastes comezar a tratar tal cousa como acometestes no voso trobar, que a vosa coita quixestes comparar coa miña, porque canto mellor é a miña señora que a vosa, Don Bernaldo, tanto me fai maior coita sufrir.
(III) –Abril Pérez, fóstesme preguntar sobre tal cuestión que non é precisa a resposta, e convén probar o que dixestes das donas; entón nomeémolas e saberán quen son, e, despois de as identificaren, xulgarannos, e venza quen tiver a mellor razón.
(IV) –Don Bernaldo, eu diría o nome da miña señora, así Deus me perdoe, se non tivese medo de lle causar pesar; diríaa eu moi de corazón, porque unha cousa sei dela, certamente: que despois de saberen quen é, cantas (mulleres) hai no mundo recoñeceranlle a supremacía.
(V) –Abril Perez, os ollos enganan a un sobre as cousas que ama: así vos fixeron a vós, na miña opinión; e por ser así como eu digo, se vós vistes algunha muller tal (como dicides), tan fermosa e de tanto valor, a miña señora é, e non outra muller. 
(VI) –Don Bernaldo, quérovos aconsellar ben e crédeme se vos parece ben: que non digades que amades unha muller nobre, pois non é conveniente que faledes mal dunha dama, pois ben sabemos, Don Bernaldo, que (clase de) señora adoita sempre servir un segrel.

Métrica


Esquema métrico: 6 x 10a 10b 10a 10b 10c 10c 10b (= Tav 101:7)

Encontros vocálicos: 22 i·ri·a‿ementar

Notas


Texto
  • 3-5

    Nestes dous versos aparecen as contrucións comparativas come mí (v. 3) e come eu (v. 5). A utilización de eu como segundo termo da comparación introducida por come é levemente minoritaria (43.15, 150.2, 723.20, 978.8, 1074.51593.r2, 1609.16), face á maioritaria come mí ~ min (42.21, 128.27, 142.19, 218.14, 953.3, 1074.3, 1140.6 e 11), en liña co que acontece no galego moderno, onde só é posíbel coma min.
    De igual maneira, no corpus tamén non aparece eu como segundo termo da comparación introducido por ca, feito moi raro na lingua medieval de que achamos escasísimas mostras. Véxase, por exemplo, nun documento de 1324, de Ferreira de Pantón: pero si vos Domingo dos Sãõs, meu yrmao, ante morrerdes ca eu, que vos leyxedes o meu livre e quito en paz a min ou a quen eu mande (Fernández de Viana y Vieites 1994: 55).
    En calquera caso, nesta pasaxe da tençon hai crase na copia de B (<comeu>), e a métrica obriga a optar pola lección de V, sen contracción fonética, tal como se rexistra tamén en 43.15 (neste caso con sinalefa).

  • 5

    Sendo posíbel a lección morreredes de V, dámos preferencia á lección de B en presente de indicativo, pois en toda a estrofa Bernal de Bonaval fala da situación presente de ambos: un e outro sofren, láianse e morren de amor por unha muller.

  • 11

    Na copia desta composición aparece repetidamente a grafía -n- como marca de nasalidade vocálica (<poner> B, v. 11; <alguna> B, v. 33; <bona> B, v. 39; <bona> BV, v. 40). Este uso gráfico, máis frecuente en B do que en V, é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /õ/ e de /ũ/ en põer, bõa e algũa, respectivamente (confirmada polas leccións de V). O mesmo acontece esporadicamente noutras voces que se rexistran, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta): <(h)una> ũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <dona> dõa, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b.

  • 17

    Obsérvese a estrutura verbal conviir + de + infinitivo, en liña coa necesaria presenza do nexo preposicional (a ou de) cando a forma conxugada de conviir vai seguida de infinitivo (véxase Glosario, s.v. conviir), de xeito que só está ausente o nexo cando o infinitivo vai anteposto: pois m’escolher conven (377.19), perfiar me conven! (1337.21), colher non conven (1679.8). Cfr. nota a 30.24.

  • 19-22

    Nestes versos rexístrase enmentar (v. 19) e ementar (v. 22), cunha convivencia das dúas variantes que se percibe no corpus trobadoresco e, nomeadamente, no refrán da cantiga 77, coa mesma variación enmentar (I-II) ~ ementar (III).

  • 20

    A secuencia <s-l> (e <r-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do pronome identificador no encontro con certos vocábulos acabados en -s (ou -r) debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga (véxase tamén nota a 83.21 e 139.2): pois-las souberen (v. 20); pois-la souberen (v. 27). Na lingua medieval, e no corpus trobadoresco profano máis en concreto, o pronome identificador sofre asimilación fonética xeral cos pronomes átonos nós, nos, vós, vos e lhes, así como co indefinido todos e coas preposicións por ~ per, des e tras e cos adverbios alhur e depois, xunto con mais e pois (adverbios e/ou conxuncións); polo contrario, coas formas verbais acabadas en -r ou -s a representación da asimilación é vacilante. Mais para alén destes fenómenos asimilativos máis ou menos sistemáticos que chegan na lingua oral até hoxe, na lingua trobadoresca tamén aparecen outras asimilacións con formas adverbiais e conxuntivas alén de mais e pois (véxase nota a 331.7), con outras formas pronominais ademais das citadas (véxase nota a 334.4), con algúns substantivos (véxase nota a 25.16) e, finalmente, co adxectivo melhor (véxase nota a 185.8) e mais con algúns participios plurais (véxase nota a 960.24).

  • 27-28

    Esta pasaxe non ofrece, na nosa opinión, ningunha dificultade editorial, pois semántica, sintaxe e métrica son coherentes:
              que, pois-la souberen, conhocer-lh’-an
              melhoria quantas no mundo son.
    No entanto, a segmentación practicada por Indini (conhocer-lh’an melhori’a quantas no mundo sson) parece converter o elemento a segmentado nunha preposición para introducir un CI de conhocerán; e, no seu caso, a emenda e segmentación de Lopes e Littera (melhor ca quantas...) resta unha sílaba ao verso. Na realidade, quantas no mundo son é o suxeito de conhocerán, e melhoria o seu complemento directo, pois o complemento indirecto é lhe; isto é, despois de a coñeceren, todas as donas do mundo recoñecerán a superioridade da dona de Abril Perez.

  • 31

    A forma pronominal tónica oblicua vós cumpre función de CI sen preposición, feito que se rexistra esporadicamente na lingua trobadoresca.

  • 32

    A proposta dizer de Indini sobre a base da lección <diser> é errada, pois non é gramatical a presenza dun infinitivo onde ten de haber un futuro de subxuntivo dis[s]er.

  • 42

    Na lingua trobadoresca o verbo soer aparece en complexos verbais (soer + infinitivo) mais tamén en estruturas equivalentes coa preposición a como nexo: sol a servir. Véxase 29.16, 371.28, 723.2, 1074.42, 1382.4, 1621.9, 1622.8). Cfr. nota a 3.17

Procurar
    Não foram encontrados resultados