I. Edicións críticas: Rodríguez (1980: 121 [= LPGP 374]); Lopes (2002: 192); Littera (2016: I, 436-437).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 197); Braga (1878: 105); Gassner (1933: 417); Machado & Machado (1953: IV, 334); Fernández Pousa (1959: 102).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 287); Diogo (1998: 222).
5 non] no V 6 des i ar] Deseyar B 8 todos] todus V 9 e outra] cout̃ V; queren] quereu B : q̄reu V 10 morren ced’e fica tod’aca] moirē çode fica rocada B 11 poden] pede B : pode V 13 amiga] amigo B; sén] quissen B : qissē V 16 seu] sen B 17 El] ei BV 20 mil] mal V
(I) Algún ben me ha de facer cedo Deus, e faramo cando lle prouguer: sempre ando ledo e a quen me quere falar de pesar non llo podo aturar, senón que fuxo de diante del e non llo quero ouvir; alén diso, tamén me agrada moito vivir con quen sei que quere falar de cousas agradábeis, (II) porque todos andan pensando en cousas materiais e xa non queren pensar noutra cousa, e morren cedo e fica todo aquí; mais disto a min non me poden convencer, pois trobo e canto e penso sempre no ben, e teño amiga que obra con moito siso e pode pasar o tempo pracenteiramente.
(III) Noso Señor, que ten moito poder, está sempre ledo no seu corazón e son moi felices cantos con El están; por iso fai mal, segundo eu penso, o que é triste e sempre pensa no mal, porque un pobre ledo vale mil veces o que un rico triste incapaz de sentir gozo.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:35)
Encontros vocálicos: 2 -mi͜-o; 8 cuidando‿en; 21 triste‿en
Nesta cantiga dilúense case por completo os trazos xenéricos propios da cantiga de amor, ao tempo que se introducen motivos como o da ansia de riquezas que nos afastan da temática amorosa e nos sitúan no ámbito do sirventés moral. Con todo, pensamos que a actitude positiva e esperanzada da voz masculina protagonista e mais a crítica contra os que son tristes e non deixan de pensar negativamente deben ser entendidas como unha orixinal referencia á tópica da coita e do mal recorrente nas cantigas de amor, con que aquí o protagonista pretende marcar un claro distanciamento. Esta actitude permítelle ao namorado, contra o que é habitual no xénero, trobar e cantar e pensar sempre de forma positiva, incluíndo a relación coa amada, a quen significativamente denomina amiga (v. 13) e non senhor. Véxase tamén como na cantiga seguinte (UC 965), neste caso unha cantiga de amigo, Joan Airas volve recorrer á interferencia xenérica introducindo un gran número de motivos e estilemas propios do sirventés moral.
De novo aparece no Cancioneiro da Vaticana a terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<todus>); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.
Nótese o estraño lapso no texto de BV (<quissen> B, <qissē> V) para a obvia lección sén.
A reintegración da conxunción e está sustentado pola moi frecuente omisión da copulativa no inicio de verso por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.). E noutros casos, a métrica e/ou o sentido indica a necesidade da recuperación da copulativa (véxase 6.14, 60.27, 103.18, 110.3 e 17, 230.5, 271.5 etc.). Cfr. nota a 42.15 e 274.19.
A locución mil tanto equivale a ‘mil veces máis’ (véxase tamén 12.10), como outros numerais seguidos de tanto (invariábel) que se poden achar na restante produción medieval: dous/duas tanto ~ dous atanto ‘dúas veces máis, duplicado’ nas Cantigas de Santa Maria (CSM 411.26), na tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España (Lorenzo 1975: I, 528), na Crónica de 1344 (Cintra 1952-1990: III, 113; IV, 125) ou na versión portuguesa da Crónica Troiana (Nunes 1986: s.v.) etc.; tres tanto ~ tres tanto mays na tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España (Lorenzo 1975: I, 527) ou na Crónica de 1344 (Cintra 1952-1990: IV, 81); cem tanto na Estória do Santo Graal (Miranda 2016: 261), entre outros exemplos.