I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 794 [= LPGP 686]); Pousada Cruz (2013: 224); Littera (2016: II, 184-185).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 79); Machado & Machado (1949: I, 299-300); Camargo et alii (1995: 81-82); Rios Milhám (2018a: II, 171).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 152); Torres (1977: 514); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 153).
1 coitad’] couad B 13 faz] ffa’z B 16 u] ca hu B
8 min] mi Michaëlis, Pousada Cruz, Littera 10 sempre eu] sempr’eu Michaëlis, Littera
(I) De tal modo me trae agora Amor coitado que nunca lle vin maltratar tanto a ninguén, e vivo con el unha vida tal que xa sería mellor a miña morte. Noso Señor, non me deixes vivir se non vou perder estas coitas!
(II) E para que terra eu fuxirei? El logo terá novas de min alí onde eu for, e, despois que alí me tiver na súa prisión, sempre eu isto direi: Noso Señor, non me deixes vivir se non vou perder estas coitas!
(III) E a min cáusame el hoxe maior pesar que a todos cantos outros son vasalos seus, e contra este mal non teño defensa: cando me ten so o seu poder, quéreme matar. Noso Señor, non me deixes vivir se non vou perder estas coitas!
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:180)
Encontros vocálicos: 10 sempre‿eu
Coitas semella opción case única para compensar o salto de copia producido no manuscrito da Biblioteca Nacional.
O verbo fugir é variante da forma, aínda maioritaria, fogir (< fŭgĕre), que sofreu un proceso de asimilación e harmonización vocálica ([o...í] > [u...í]) que afecta tamén as formas conxugadas; un proceso similar verifícase noutros verbos con representación no corpus profano: bulir (vs. bolir), cuspir (vs. cospir), destruir (vs. destroir), nuzir (vs. nozir); o mesmo acontece coas formas avurrido ou fugido. Cfr. nota a 460.2.
Sobre a figura do vassalo na cantiga de amor véxase nota a 32.3.
A expunción de ca por motivos métricos acha xustificación no feito de que nunca se verifica sinalefa de ca nas cantigas transmitidas polo Cancioneiro da Ajuda, o manuscrito máis fiábel: en 279.10, a inicial copia do verso ca estou de vós como vos eu direi de A (esencialmente coincidente coa de B), que obrigaría á sinalefa ca‿estou para a medida decasilábica, foi corrixida nó códice do Colégio dos Nobres coa supresión de eu e a conseguinte restauración do hiato ca | estou. Ademais, existen ao longo do corpus outras probas indirectas que confirman que, ás veces, a presenza da conxunción é resultado dun erro de copia. Así ocorre, por exemplo, na cantiga 938.3: os dous apógrafos italianos presentan a lección redundante <ca poys>, onde é necesario expunxir ca.