610 [= RM 25,22]
Coitada viv’, amigo, porque vos non vejo

Coitada viv’, amigo, porque vos non vejo,
e vós vivedes coitad’e con gran desejo
de me veer e mi falar, e por én sejo
sempr’en coita tan forte
que non m’é senon morte,
come quen viv’, amigo, en tan gran desejo.
Por vos veer, amigo, vivo tan coitada,
e vós por me veer, que oimais non é nada
a vida que fazemos, e maravilhada
sõo de como vivo
sofrendo tan esquivo
mal, ca máis mi valria de non seer nada.
Por vos veer, amigo, non sei quen sofresse
tal coita, qual eu sofr’e vós, que non morresse;
e con aquestas coitas eu (que non nacesse!)
non sei de min que seja,
e da mort’ei enveja
[eu] a tod’ome ou molher que ja morresse.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 593, V 196

Ediciones


I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 93 [= LPGP 186]); Nunes (1973 [1928]: 44-45); Cohen (2003: 630); Littera (2016: I, 236).
II. Outras edicións: Moura (1847: 179-181); Monaci (1875: 77); Braga (1878: 39); Machado & Machado (1952: III, 228-229); Júdice (1997: 72); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Pimpão (1942: 74); Spina (1972: 364); Torres (1977: 261); Fidalgo (2009a: 112); Mongelli (2009: 157).

Variantes manuscritas


4 sempr'en] se pren V   6 quen] queu V; gran] g̃ra B   9 maravilhada] m̃anilhada B   11 tan] tā(l) V   12 valria] valiria B : ualiria V   13 quen] q̄ V   14 morresse] moiresse   18 morresse] moiresse B

Variantes editoriales


1 vos] vós Lang   3 mi] me Lang   7 vos] vós Lang   8 me] mi Lang   13 vos] vós Lang   18 [eu] a tod'ome] a tod’ome Lang, Nunes : a tod[o] ome Cohen : a tod’home Littera

Paráfrasis


(I) Coitada vivo, amigo, porque non vos vexo, e vós vivides coitado con gran desexo de me ver e de me falar, e por iso estou sempre nun estado de coita tan forte que non é outra cousa que morte, como quen vive, amigo, cun desexo tan grande.

(II) Por vos ver, amigo, vivo tan coitada, e vós por me ver, que de hoxe en diante non é nada a vida que levamos, e estou marabillada de como vivo sufrindo un mal tan áspero, pois máis me valería non existir.

(III) Non sei de quen sufrise tal coita cal eu sufro por vos ver, amigo, que non morrese; e con estas coitas eu –oxalá que non nacese!– non sei o que será de min, e envéxolle a morte a todo home ou muller que xa morrese.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 12’a 12’a 12’a 6’b 6’b 12’a (= RM 17:1)

Notas


Texto
  • *

    Repárese no artificio do dobre, con repetición da palabra rimante nos versos 2º e 6º de cada estrofa (I desejo; II nada; III morresse).

  • 3

    A forma sejo, P1 de presente indicativo de seer, resultado da conxugación regular de sedēre neste tempo (sedeo, sedes etc.), compite desvantaxosamente cos resultados de sŭm (> son) e *sono (> so͂o, soo) (véxase Ferreiro 1999: §218b).

  • 8-10

    As palabras rimantes nada son diferentes: indefinido no v. 8 e participio de nacer no v. 12.

  • 15

    Neste verso aparece a frase exclamativo-desiderativa, de carácter parentético, que non + pretérito de subxuntivo. Repetida ao longo do corpus sempre coa mesma fórmula, mostra especial preferencia polos verbos veer e nacer (véxanse 41.3, 178.17, 179.4, 270.20, 621.3, 647.15, 911.9, 1099.10 e 17, 1170.r2, 1412.10).

  • 18

    Fronte aos anteriores editores (que manteñen hipómetro o verso –Lang e Nunes– ou reintegran a vogal en tod[o] –Cohen e Littera–), optamos pola reintegración do pronome eu no inicio do verso, tal como propoñen Fernández Guiadanes e Río Riande (2010: 23-24), pola sistemática crase do encontro tod’ome(n) na lírica profana (as dúas pasaxes en que se rexistra todo ome é necesaria a sinalefa; véxase 879.16 e 1594.28). Esta reintegración continúa a confirmar o acento na 4ª sílaba, ao tempo que responde, tal como é apuntado polos antecitados autores, a similar expresión no inicio dunha cantiga de amor de Vaasco Fernandez Praga de Sandin, nova manifestación de intertextualidade nunha cantiga dionisina:

    Sennor fremosa, grand’enveja ei
    eu a tod’ome que vejo morrer (65.1-2).

Buscar
    Sin resultados