1083 [= Tav 121,6]
Cuidades vós que mi faz a mí Deus

Cuidades vós que mi faz a mí Deus
por outra ren tan muito desejar
aquesta dona, que me faz amar,
senon por mal de mí e destes meus
olhos, e por me fazer entender
qual é a mui gran coita de sofrer?
E non mi-os fui os seus olhos mostrar
Deus nen mi-a fez[o] filhar por senhor
senon porque ouv’El [mui] gran sabor
[de] que sofr’eu, con estes meus, pesar,
olhos, e por mi fazer enten[der
qual é a mui gran coita de sofrer].
E vi eu os seus olhos por meu mal
e o seu mui fremoso parecer,
e por meu mal mi-a fezo Deus veer
enton daquestes meus, ca non por al,
olhos, e por mi fazer enten[der
qual é a mui gran coita de sofrer].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1080, V 672

Edições


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 444-445 [= LPGP 796]); Reali (1964: 70-71); Fernández Campo (2012: 73); Littera (2016: II, 318-319).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 237); Braga (1878: 128); Machado & Machado (1956: V, 107).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 732-733).

Variantes manuscritas


1 Cuidades] Cydades V   11 olhos] Olhus B   14 e o seu] E seu B : es seu V

Variantes editoriais


7 olhos] olhus Reali   8 fez[o]] fez Reali, Fernández Campo   9 ouv’El [mui] gran sabor] ouv’El gram sabor Reali : ouv' El gran sabor Fernández Campo : houv[e] El gram sabor Littera   10 [de]] om. Fernández Campo   11 olhos] olhus Reali; mi] me Nunes   17 olhos] olhus Reali; mi] me Nunes

Paráfrase


(I) Pensades vós que Deus me fai a min desexar tanto esta muller, que me fai amar, por outra razón senón para o meu mal e o destes meus ollos, e por me facer entender cal é a moi gran coita que (hai que) sufrir?
(II) E Deus non me foi mostrar os seus ollos nin ma fixo tomar como señora senón porque El tivo un gran desexo de que eu sufra pesar con estes meus ollos, e por me facer entender cal é a moi gran coita que (hai que) sufrir.
(III) E eu vin os seus ollos e a súa fermosa aparencia para o meu mal, e para o meu mal, e non por outra causa ma fixo ver Deus nese momento con estes meus ollos, e por me facer entender cal é a moi gran coita que (hai que) sufrir.

Métrica


Esquema métrico: 10a 10b 10b 10a 10C 10C (I-II [= Tav 160:202]) + 10a 10b 10b 10a 10B 10B (III [= Tav 151:4])

Encontros vocálicos: 7 mi͜-os; 8 mi͜-a; 15 mi͜-a

Notas


Texto
  • 1-6

    Toda a estrofa foi interpretada como un período interrogativo, modulación que lle acae ben ao período e á continuación da cantiga; non obstante, en Fernández Campo o período é enunciativo.

  • 7

    A forma fui, xeral como PI de pretérito de seer (e de ir), é tamén forma de P3: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 8

    Para alén das múltiplas probas da coexistencia e alternancia de fez ~ fezo, así como da deficiente transmisión, por veces, da forma fezo (véxase nota a 53.16), neste hipométrico verso a recuperación de fezo (que Reali e Fernández Campo non efectuaron) vén solicitada pola paralela construción do v. 15: Deus nen mi-a fez[o] filhar por senhor (v. 8) - e por meu mal mi-a fezo Deus veer (v. 15).

  • 9

    De novo Reali e Fernández Campo rexeitan a integración de mui para completar a medida decasilábica do verso: o adverbio mui é un elemento que con certa frecuencia é esquecido no proceso de copia, como mostran algunhas pasaxes en que os testemuños son diverxentes (A vs. BV: 400.13, 421.19; B vs. A: 194.4; BV vs. A: 421.13; B vs. V: 1184.3). Na edición de Littera optouse pola integración da vogal final de ouve, desconsiderando o feito da probábel sinalefa nunha secuencia do tivo ouve el.

  • 10-11

    Repárese no violento hipérbato que provoca a ligazón do corpo da estrofa co refrán, pola necesaria rima en -ar do v. 11 co v. 7 (véxase tamén os vv. 16-17):
              ​​​​​​​senon porque ouv’El [mui] gran sabor
    ​​​​​​​          [de] que sofr’eu, con estes meus, pesar,
    ​​​​​​​          olhos, e por mi fazer enten[der
              qual é a mui gran coita de sofrer].

    En calquera caso, nótese como a sintaxe e o sentido esixe a presenza da preposición de, confirmada pola hipometría versal que Fernández Campo desconsiderou; a súa ausencia deixaría sen sentido o período: ‘El tivo moi gran sabor de que eu sofra pesar’.

  • 11

    É verdadeiramente infrecuente no Cancioneiro da Biblioteca Nacional a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<Olhus>); na realidade, esta grafía aparece xeralmente en V en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 14

    Nótese como en B está ausente o artigo, mentres que en V aparece o erro <s>/<o> (cfr. mao <mao> B, <mas> V en 371.6).

  • 16-17

    Tal como acontecía nos vv. 10-11, de novo se percibe un violento hipérbato no deslocamento dos olhos (pertencentes ao refrán, v. 16) con relación aos seus determinantes, no v. 15, pola necesaria rima en -al deste verso co v. 12 e mais tamén como un artificio retórico buscado polo autor, unha especie de tour de force sintáctico que, alén de embelecer a composición, demostra o seu dominio da arte de trobar: 
              e por meu mal mi-a fezo Deus veer
              enton daquestes meus, ca non por al,
              olhos, e por mi fazer enten[der
              qual é a mui gran coita de sofrer]. 

Procurar
    Não foram encontrados resultados