928 [= RM 59,2]
Diz meu amigo que me serve ben

Diz meu amigo que me serve ben
e que ren non lhe nembra senon min,
perol foi-s’el noutro dia d’aqui
sen meu grado; mais farei-lh’eu por én,
por quant’andou ala sen meu prazer,
que and’ũu tempo sen meu ben-fazer.
El ten ora que logo s’averra
con migo, sol que veer e me vir,
e el querra, como me sol, servir
se m’eu quiser; mais farei-lh’esto ja:
por quant’andou [ala sen meu prazer,
que and’ũu tempo sen meu ben-fazer].
Porque se foi, e o ante non vi,
sen mi-o dizer, a cas d’el-rei morar,
quando veer e me quiser falar,
pois que o fez, eu lhi farei assi:
por quant’andou [ala sen meu prazer,
que and’ũu tempo sen meu ben-fazer].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 925, V 513

Edições


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 240); Lorenzo Gradín (1996: 225-226 [= LPGP 359]); Cohen (2003: 326); Littera (2016: I, 409-410).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 186-187); Braga (1878: 98); Machado & Machado (1953: IV, 290).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 72).

Variantes manuscritas


3 d’aqui] daqum B   5 quant’] quat B   6 and’ũu] anda huū V   7 s’averra] ssa ueira B : ssa uerra V   8 e] et B   9 querra] queira B   11 quant’] quat B   17 quant’] quat B : q̄nt V

Variantes editoriais


2 min] mi Nunes   3 perol] Nunes, Cohen, Lorenzo Gradín, Littera   6 and’ũu] ande un Cohen, Littera; ben-fazer] bem fazer Lorenzo Gradín, Littera   8 con migo] comigo Nunes, Lorenzo Gradín   10 lh’esto] lhesto Nunes   12 and’ũu] ande un Nunes, Cohen, Littera; ben-fazer] bem fazer Lorenzo Gradín, Littera   16 lhi] lh’y Lorenzo Gradín   18 and’ũu] ande un Nunes, Cohen, Littera; ben-fazer] bem fazer Lorenzo Gradín, Littera 

Paráfrase


(I) Di o meu amigo que me serve ben e que non se lembra de nada, excepto de min, mais foise el o outro día de aquí contra a miña vontade; e por iso lle farei eu, por canto andou alá contra o meu gusto, que ande un tempo sen o meu amor.

(II) El pensa que axiña se vai reconciliar comigo, apenas veña e me vexa, e quererá, como adoita, servirme, se eu quixer, mais fareille isto xa: por canto andou alá contra o meu gusto, que ande un tempo sen o meu amor.

(III) Porque se foi sen mo dicir, e non o vin antes, vivir á casa do rei, cando veña e me queira falar, xa que o fixo, eu fareille así: por canto andou alá contra o meu gusto, que ande un tempo sen o meu amor.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:71)

Encontros vocálicos: 6 ũ͜u; 12 ũ͜u; 14 mi͜-o; 18 ũ͜u

Notas


Texto
  • 3

    En todas as edicións1 se considera como un erro a forma <perol> de BV, mais esta variante da conxunción adversativa pero conta con algunhas atestacións noutros textos, desde unha copia (tardía) da Crónica de Santa Maria de Iria até Gil Vicente, como demostra Souto Cabo (2022: 635-636).
    Ao contrario, errada é a lección <daquin> de B, sen dúbida inducida por min do verso anterior, tamén en posición de rima.

  • 6

    O indefinido ũu (e tamén algũu e neũu) do segundo verso do refrán debería, aparentemente, computar como bisilábico, e así acontece con certa frecuencia ao longo do corpus; porén, na maior parte das súas aparicións funciona como unha forma monosilábica, revelando dese xeito que se trata dunha grafía conservadora. Algo similar acontece con bõo ~ boo (véxase nota a 241.10) e, en menor medida, sõo ~ soo (véxase nota a 10.25), que son basicamente voces bisilábicas, aínda que nalgunhas ocasións computan como unisilábicas.
    Por outra banda, a formación nominal ben-fazer ‘beneficio, auxilio, favor’, derivada do frecuentísimo sintagma da cantiga de amor, non é considerada por Lorenzo Gradín (e Littera), tal como se deriva da grafía (bem fazer), a pesar da súa reiterada presenza no corpus trobadoresco (véxase Glosario, s.v.). De calquera maneira, o mesmo substantivo pode verse, en formulación singular e plural, noutras obras da última Idade Media, como na Crónica de D. Fernando:

    e as rrendas eram postas em seu poder, afora muitos herdamentos moviis e de rraiz e muito bem-fazer da rrainha sua irmãa (Macchi 2004: 355-356)

    Tamén no Livro das Confissões:

    ca veemos que alguũs synaaes dan largamente aos que lhe pormeten en grandes bem fazeres (Martín Pérez 2012-2013: 367).

  • 8

    A forma medieval migo, con algunhas variantes (véxase nota a 10.18), xa convivía na altura con comigo, que aínda pode presentar a forma analítica con migo (584.14, 585.8, 773.8, 846.r1, 856.1, 928.8, 939.13, 1010.14, 1039.10 e 26, 1099.19, 1234.20, 1303.8), concorrente coa arcaizante con mego (469.6 e 9). As diversas solucións deben ser respectadas, pois, no proceso de edición (cfr. comigo en Nunes e Lorenzo Gradín).

  • 12

    Nas cantigas profanas, as construcións dos verbos desejar / nembrar / querer + senon mi(n)/vós (véxase tamén 674.3-4, 689.8-9, 708.16-17, 798.16-17) non presentan a preposición a, dun modo similar ao que acontece con amar máis ca mí/min (nen al) e querer melhor ca mí/min (véxanse notas a 44.13 e 177.22) e mais querer maior ben / ben maior ca mi(n)/sí (véxase nota a 679.5-6). 

  1. ^

    No entanto, perol xa aparece na versión electrónica do Projeto Littera a partir da información directa fornecida por Souto Cabo: https://cantigas.fcsh.unl.pt/cantiga.asp?cdcant=933&tr=4&pv=sim [consult.: 28-04-2022].

Procurar
    Não foram encontrados resultados