204 [= RM 125,12]
Eu me cuidava, quando non podia

Eu me cuidava, quando non podia
a mui fremosa dona mia senhor
veer, ca, se a viss’eu, i diria
com’oj’eu moiro polo seu amor;
mais vi-a tan fremoso parecer
que lhi non pudi nulha ren dizer
catando quan fremoso parecia.
Esto me fez quant’eu dizer queria
escaecer, ca non outro pavor;
e quand’eu vi quan fremoso dizia
quanto dizer queria, e melhor
de quantas donas Deus fez[o] nacer,
ali non ouv’eu siso nen poder
de lhi dizer que por ela morria.
E des que a vi o primeiro dia
non me guardei nen fui én sabedor,
nen me quis Deus guardar nen mia folia,
non: ést[e] meu coraçon traedor
que mi-a depois conselhou a veer;
e por aquesto ei ja sempr’a viver
en maior coita que ante vivia.
E, meus amigos, par Santa Maria,
des que a vi muito me vai peor,
ca siquer ante algũa vez dormia
ou avia d’algũa ren sabor,
que oj’eu, cativo, non poss’aver;
e tod’aquesto m’ela fez pe[r]der,
e dobrou-xi-m’a coita que avia!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscripts


B 220

Editions


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 802-803); Blasco (1984: 209-210 [= LPGP 816-817]); Marcenaro (2012b: 308-309); Littera (2016: II, 363-364).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 95); Machado & Machado (1949: I, 360-361); Fernández Pousa (1953: 26-27); Rios Milhám (2018a: II, 204).
III. Antoloxías: Piccolo (1951: 109-110).

Manuscript variants


4 seu] sen B   14 morria] moiria B   16 én] ende B   19 a veer] auuer (e) B   (21 vivia] niuya B   22 par] pa B; santa] scā B   26 cativo] can uo B   28 avia] auya dauer B

Editorial variants


3 i] [l]hi Michaëlis, Littera   10 quan] que Michaëlis   12 fez[o]] fez Blasco, Littera   14 morria] moiria Blasco, Littera   16 én] ende Blasco, Littera   18 non: ést[e]] nen este Michaëlis : n[e]n est<e> Blasco : nen est[e] Marcenaro, Littera   20 aquesto] aquest(o) Michaëlis   22 par] por Blasco; Santa] sancta Michaëlis, Blasco   26 cativo] [ja-quanto] Michaëlis : tanto Blasco, Marcenaro, Littera; poss’] poss[o] Marcenaro

Paraphrase


(I) Eu pensaba, cando non podía ver a moi fermosa dona (que era) a miña señora, que, se a vise, alí lle diría como hoxe eu morro polo seu amor; mais vina tan fermosa que lle non puiden dicir cousa ningunha ollando o moi fermosa que era.

(II) Isto, e non outro medo, fíxome esquecer todo o que eu quería dicir; e cando vin como belamente dicía todo o que quería dicir e mellor que todas as donas que Deus fixo nacer, alí non tiven siso nin poder para lle dicir que morría por ela.

(III) E desde que a vin o primeiro día non me precavín nin actuei con sabedoría, nin me quixo protexer Deus nin a miña loucura: é o meu corazón traidor quen me despois aconsellou vela, e por isto teño que vivir sempre en maior coita que a que antes sufría.

(IV) E, meus amigos, por Santa María, desde que a vin vaime moito peor, pois polo menos antes durmía algunha vez ou tiña gusto dalgunha cousa, que hoxe eu, infeliz, non podo ter; e todo isto me fixo ela perder e dobróuseme a coita que eu tiña!

Metrics


Esquema métrico: 4 x 10’a 10b 10’a 10b 10c 10c 10’a (= RM 100:32)

Encontros vocálicos: 19 mi-‿a; 20 aquestoei; 24 antealgũa

Notes


Text
  • 3

    A pausa que cerra a cláusula condicional podería anteporse ao suxeito, tal como propón Marcenaro (ca, se a viss’, eu i diria), aínda que a presenza de eu no v. 4 con moiro parece desaconsellar esta lectura. Aliás, existen no corpus contextos diversos en que i inicia período sintáctico. Véxase, só a modo de exemplo, 260.15 ou, sobre todo o íncipit da cantiga 905 (I logo, senhor, que vos vi).

  • 12

    Para recuperar a medida decasilábica do verso, recorremos á variante fezo, o mesmo que acontece, por exemplo, en 53.16 (por aquel Deus que vos fez[o] nacer), que ofrece unha construción moi similar. Na lingua medieval aparece a desinencia -o na P3 dos pretéritos fortes, de modo que naquelas formas en que -it final latino desapareceu é posíbel a convivencia das formas fez, quis ou pôs con fezo (tamén feze), quiso (tamén quise) ou poso (tamén pose). Os trobadores utilizan unha ou outra variante por necesidades métricas, e os manuscritos achegan datos que confirman esta variación nos usos lingüísticos, de modo que en ocasións as leccións de A e B son diverxentes. Así, face ao necesario fezo transmitido por A (ás veces produto da revisión da copia) achamos <fez> en B: 277.17 (<fez{o}> A, <fez> B), 286.2 (<fezo> A, <fez> B), 309.10 (<fezo> A, <fez> B), 404.10 (<fezo> A, <fez> B), 430.28 (<fez{o}> A, <fez B>). Porén, en 175.6 o necesario fezo transmitido por B correspóndese co <fez> de A, que torna o verso hipométrico. E aínda se achan contextos en que fronte á lección de A, con fezo, B rexistra unha variante en que, mantendo o monosilábico fez, se reescribe o texto para asegurar a isometría: Qual dona Deus fez melhor parecer / e que fezo [B: <a fez>] de quantas outras son (175.2), de rogar Deus, e fezo-me [<a d’s e fez mj> B] perder (197.30). É por isto que o recurso a fez[o] está certamente xustificado perante leccións afectadas por hipometría versal: é significativo que no v. 1 do refrán da cantiga 847, face ao correcto fezo que se rexistra na estrofa I (<fez> B, <fezo> V), apareza fez en BV nas estrofas II e III. Cfr. nota a 60.19.

  • 16

    A aparición de ende por én é relativamente frecuente nos apógrafos italianos (798.18, 962.18, 1187.8, 1229.10, 1538.10); ás veces é emendada polo Cancioneiro da Ajuda, que transmite en xeral mellores lecturas: de lhe fogir, ca non ei én [<endo> B = end’o] poder (201.10).

  • 17

    A voz folia é un provenzalismo que alterna no corpus co minoritario loucura (117.9, 360.5, 772.15, 1326.21, 1410.17, 1451.13, 1575.24).

  • 18

    Os editores anteriores interpretaron a lección <est> de B como pronome demostrativo, circunstancia que provocou a emenda do adverbio de negación para o converter na conxunción nen (nen me quis Deus guardar nen mia folia / nen este meu coraçon...). Tal solución sería perfectamente aceptábel (o erro <o>/<e> é moi frecuente), mais no corpus non achamos <est> como forma demostrativa en posición anteconsonántica. É por isto que, coa puntuación axeitada, pode ser respectada a lección de B, de modo que <est> funcione como a habitual forma verbal éste nun contexto en que se percibe a disociación entre o trobador e o seu corazón, como acontece en diversas composicións (véxase, por exemplo, a cantiga 562). Téñase en conta que, independentemente de que <este> sexa a forma verbal éste (P3 do presente indicativo de seer) ou a suma do demostrativo este co verbo é (est’é), é moi frecuente en B (vs. A) a aparición de <est>, aparente latinismo, con ausencia de vogal final e a consecuente hipometría versal. Véxanse 65.471.6, 89.27, 182.26, 197.18, 302.21, 317.2, para alén daqueles casos en que éste aparece en cantigas transmitidas só polos apógrafos italianos: 184.15, 207.11, 464.24, 714.9, 854.12, 993.20, 1075.4, 1456.12, 1625.1, 1652.2 e 1667.17. Véxase Ferreiro (2008a).

  • 19

    Na lingua trobadoresca o verbo conselhar aparece en complexos verbais (conselhar + infinitivo), mais tamén en estruturas equivalentes coa preposición a como nexo (véxase tamén 1518.23). Cfr. nota a 3.17.

  • 26

    Perante o obvio erro de B, Michaëlis ofrece unha conxectura sen base textual, que foi mellorada por Blasco (seguido por Marcenaro e Littera), aínda que o verso ficou hipométrico na versión do editor francés. Con certeza, a solución reside nunha outra lectura da secuencia do Cancioneiro da Biblioteca Nacional, interpretando <u> como <ti>, : <can uo> = <can tio> = tant’i o. O erro <u>/<ti>, erro de fácil explicación paleográfica que pode verse, por exemplo, en 1430.19 (<par ustes> V = partistes), 1629.3 (<u> V = ti) ou 890.10 (<ura> BV = <tira> = <tirã> terra); e similar é tamén o erro <u>/<ti> (1014.10 preito <p'uo> V; 1613.17 feito <teuo> B, <feito> V). A partir desta emenda, existen dúas solucións posíbeis: a) segmentar o adverbio i, considerando tamén o banal erro <c>/<t>: <can uo> = <can tio> = tant’i o: que oj’eu tant’i o non poss’aver; b) ler, aínda con maior facilidade, cativo, que encaixa semanticamente no verso (solución xa proposta por Rios Milhám): que oj’eu, cativo, non poss’aver.

  • 28

    Nótese o lapso do copista, que continúa o verso inducido pola frecuente perífrase avia d’aver.

Search
    No results