I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 225 [= LPGP 882]); Cohen (2003: 306); Littera (2016: II, 425).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 161-162); Braga (1878: 82); Machado & Machado (1953: IV, 168); Cohen (1991: 37-38).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 222).
5 e] et V 7 parcir] partir V 9 sodes] ssedes V 10 que] por q̄ B : por que V; pedir] pedar V 11 e] et V 13 fui] ssuy V 14 foi] ssoy V 15 veestes] ueiestes V 16 por] poi B : per V; mercee, mercee] m’çeē m’çee B : merzee merzee V 17 e] et V; sofredor] ssoff’ do(o)r B : ssoffedor V 18 outra] ent̃ B
1 Foste-vos] Foste<s> vos Cohen : Foste[s]-vos Littera 4 veestes] vẽestes Cohen; min] mi Nunes 5 agor’assi] agora, si Cohen 6 engueedes] [m]’engue[n]edes Cohen, Littera 10 que me veestes] porque me veestes Nunes : ca me vẽestes Cohen 12 engueedes] [m]’enguenedes Cohen, Littera 15 veestes chorand’, e dizer] vẽestes chorand’, e dizer Nunes : vẽestes chorando dizer Cohen : veestes chorando dizer Littera 18 engueedes] [m]’enguenedes Cohen, Littera
(I) Fóstesvos, meu amigo, de aquí o outro día sen volo eu mandar, e agora teño que volo perdoar porque viñestes chorar ante min? E, canto a isto, que sexa agora así, mais non vos afagades a iso outra vez.
(II) O meu desexo era non vos perdoar porque vos fostes sen o meu permiso, e agora obtedes perdón porque me viñestes pedir mercé, e non quero xa ir alén disto, mais non vos afagades a iso outra vez, (III) porque, se agora vos perdoei, foi a mesura a que mo fixo facer, pois viñestes chorando e dicindo «por Deus, mercé, mercé, señora»; e, canto a isto, agora soportareino, mais non vos afagades a iso outra vez.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10a 10C (= RM 136:1)
Encontros vocálicos: 14 mi͜-o
Este verso de Reimondo constitúe tamén o incipit dunha cantiga de Martin de Padrozelos (1261.1). Porén, nesta ocorrencia a forma verbal no encontro co pronome átono vos mostra unha asimilación fonética de /s/ que volvemos achar en 971.3 (foste-vos i escudeiro chamar). Unha asimilación fonética similar aparece tamén no encontro de vos ou pois con lhe (véxase nota a 106.14).
O hapax enguear (‘vezar, afacerse, acostumarse’) é voz controversa e de etimoloxía escura, relacionada por Carolina Michaëlis con engar, documentada desde Gil Vicente (véxase Michaëlis 1895b: 151-155). A forma engar é recollida en Bluteau: «engar com alguem. (Termo do vulgo) Pegar com alguem [...] Engar. (Termo de Caçador) Quando as rezes continuão em pastar em huma seara usaõ os caçadores do verbo Engar, v. g. Engou os grãos, engou os chicharos, engou as favas»; e, de novo, arredor da variante ingar: «Dizse do animal, a que se deu de comer, vem outra vez; ou do homem, que continua, no que tem achado conveniencia» (cfr. CLP, s.v. engar).
En calquera caso, a lección dos códices é unánime e dificilmente se pode xustificar unha forma enguenar como variante de enganar (Cohen, Littera), nunca documentada na lingua medieval ou moderna, e que esixiría, outrosí, a integración do pronome me. Acreditamos que as marcas interpretadas por Cohen como abreviatura de nasal en <enguéédes> nos vv. 12 e 18 son, na realidade, plicas herdadas do antígrafo, o mesmo que sucede con <uééstes> no v. 15 ou <m’céé> no v. 16 (nótese como na primeira aparición de mercee esas plicas xa foron convertidas na indicación gráfica dunha inexistente nasalidade (<m’çeē>).
A voz talan (‘desexo, vontade, inclinación’) é palabra de orixe galo-románica, seguramente provenzal (cfr. prov. talan ~ talen, fr. talant, do lat. talentum), que escurece o uso de talante (só en 924.21 e 1334.11). Véxase García-Sabell Tormo (1990: s.v. talan).
O verbo parcir ‘perdoar’ (< parcere ‘aforrar, economizar; deixar de, omitir; perdoar etc.’) semella unha voz minoritaria e propia do rexistro poético, pois presenta só cinco atestacións na poesía profana (76.20, 752.8, 827.8 e 10) e outros seis rexistros nas Cantigas de Santa Maria (véxanse CSM 28.33, 115.168, 145.57, 174.25, 175.91 e 272.52). Non se recollen ocorrencias desta voz na produción prosística medieval.
Nótese a variante (minoritaria) sedes na copia do Cancioneiro da Vaticana, fronte á maioritaria e xeral sodes. Véxase nota a 732.8
Sendo posíbel a medida bisilábica de mercee (que só atestamos en 4.11), parece máis pertinente considerar a existencia dun erro de copia, que introduce un por, substituindo que (causal) con porque: deste modo, e eliminando o elemento espúrio, o texto mantén todo o sentido e, aliás, restáurase o acento na 4ª sílaba. A escrita errada de porque en lugar de que está documentada en varias pasaxes dos cancioneiros. Así, 316.12 e 310.12 (B vs. A), ou 1377.14 (BV).
En calquera caso, non semella defendíbel, desde o punto de vista ecdótico, a emenda de porque con ca, emenda que Cohen realiza na súa edición.
Interpretamos veestes (fronte a un posíbel vẽestes) a partir de <uééstes> B (con plicas) e <ueiestes> V (véxase nota ao v. 6).
É desnecesaria a emenda que Cohen (e Littera) realiza neste verso, pois dizer vai coordinado con fazer (v. 14): mesura foi que mi-o fezo fazer, / ..., e dizer: / ...