1285 [= RM 65,3]
Fui eu, madr’, a San Momed’u me cuidei

Fui eu, madr’, a San Momed’u me cuidei
que veess’o meu amig’, e non foi i;
por mui fremosa, que triste m’én parti,
e dix’eu como vos agora direi:
«Pois i non ven,
sei ũa ren:
por mí se perdeu, que nunca lhi fiz ben».
Quand’eu a San Momede fui e non vi
meu amigo, con que quisera falar
a mui gran sabor nas ribeiras do mar,
sospirei no coraçon e dix’assi:
«Pois i non ven,
[sei ũa ren:
por mí se perdeu, que nunca lhi fiz ben]».
Depois que fiz na ermida oraçon
e non vi o que mi queria gran ben,
con gran pesar filhou-xi-me gran tristen,
e dix’eu log’assi [aqu]esta razon:
«Pois i non ven,
[sei ũa ren:
por mí se perdeu, que nunca lhi fiz ben]».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 1268, V 874

Edições


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 433-434 [= LPGP 427]); Fernández Guiadanes et alii (1998: 111); Arias Freixedo (1998b: 49); Cohen (2003: 503); Littera (2016: I, 493-494).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 299); Braga (1878: 164); Machado & Machado (1956: V, 382); Brea (1998: 96); Couceiro Pérez & Fontoira (1998: 22); Monteagudo (1998a: 109); Monteagudo (1998b: 99); Pena (1998b: 80); Pena (1998c: 90); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Álvarez Blázquez (1975: 188); Landeira Yrago (1975: 94); Arias Freixedo (2003: 458-459); Magalhães (2007: 107); Brea López & Fernández Guiadanes (2014: 91-92); Gutiérrez (2023: 59).

Variantes manuscritas


2 que] Q B   10 gran] grã B   11 no] nō B   16 gran] grã B   17 gran] g̃ra B; gran] g̃ra B   18 dix’eu] dizeu B

Variantes editoriais


En todas as edicións precedentes os dous primeiros versos do refrán forman un único verso octosílabo agudo.

1 Momed’] Mamed’ Nunes, Arias Freixedo   5-6 Pois i non ven, / sei ũa ren] pois [meu amigu’] i non ven, sei ũa ren Nunes   8 Momede] Mamede Nunes, Arias Freixedo   12-13 Pois i non ven, / sei ũa ren] pois [meu amigu’] i non ven, sei ũa ren Nunes   18 dix’eu] dix[i] eu Nunes, Arias Freixedo; log’assi [aqu]esta] logu’assi esta Nunes, Fernández Guiadanes : log[o] assi esta Littera   19-20 Pois i non ven, / sei ũa ren] pois [meu amigu’] i non ven, sei ũa ren Nunes

Paráfrase


(I) Fun eu, madre, a San Mamede onde pensei que viría o meu amigo, e alí non veu; por ser moi fermosa, que triste me fun de alí, e dixen como vos agora direi: «Pois aquí non vén, unha cousa sei: por culpa miña se perdeu (a relación), porque nunca lle fixen ben».

(II) Cando eu fun a San Mamede e non vin o meu amigo, con quen quixera falar pracerosamente na ribeira do mar, suspirei no meu corazón e dixen así: «Pois aquí non vén, unha cousa sei: por culpa miña se perdeu (a relación), porque nunca lle fixen ben».

(III) Despois de que recei na ermida e non vin o que me moito amaba, con gran pesar me asolagou unha gran tristura, e dixen eu logo esta razón: «Pois aquí non vén, unha cousa sei: por culpa miña se perdeu (a relación), porque nunca lle fixen ben».

Métrica


Esquema métrico: 3 x 11a 11b 11b 11a 4C 4C 11C

Notas


Texto
  • 1

    San Momede (forma con labialización de /e/) refírese ao santuario de San Mamede ou San Amedio, en Beluso (concello de Bueu), na península do Morrazo (véxase Souto Cabo 2018: 87-88).

  • 4

    A copulativa e que introduce o verso ten unha función expletiva.

  • 17

    A voz tristen constitúe un verdadeiro hapax legomenon, pois é vocábulo que non achamos na produción antiga, onde se utiliza tristura e tamén tristeza (cfr. Glosario, s.v.; CGPA, s.v.)1 .
    Esta formación mostra o emprego do sufixo -én, de alcance moi limitado (véxase Ferreiro 1997: §382); con todo, na lingua medieval poden verse algunhas formacións con este sufixo (véxase CGPA, s.v.). É frecuente o substantivo gafén (de gafo ‘leproso’); así, nas cantigas marianas (CSM 93.18 e 39):

    El assi mantẽendo orgull’e desden,
    quiso Deus que caess’en el mui gran gafeen,
    ond’ele foi coitado que non quis al ren
    do mund’erg’ũ’rmid’u se foi apartar.
    ..............................................................
    e tan tost’a gafeen logo del se partiu,
    assi que o coiro ouve tod’a mudar.

    Tamén se rexistra gafen na tradución da Crónica de España e da Crónica de Castilla:

    Et tã grande foy o noio que os caualeyros ende ouuerõ que [lljs] semellaua que llj caya a gafẽ das mãos ena escudella en que comja (cfr. CGPA, s.v. gafẽ).

    E a forma gaffem nos Evangelhos e Epístolas com suas Exposições em Romance (véxase «Lematização do vocabulário» en Machado 2008-2013: s.v. gaffem).

    Outrosí, achamos a voz gordeen ‘gordura’ en diversas pasaxes do Tratado de Albeitaria:

    e auonda ó cavalo sofrer sa gordẽe temperada (Pérez Barcala 2013: 147).

    Do mesmo xeito, formacións derivadas de grosso, cales grossain, nas Cantigas de Santa Maria, e grossaen no Tratado de Albeitaria:

    Carne, non dultamos,
    se fez e saya
    dela, mas non rança,
    grossain, e sejamos
    certos que corria
    e corr’avondança (CSM 9.171).

    Tamén se documentan grossaen ‘grosura’ no Tratado de Albeitaria:

    E aas uezes nace con ũa peça de carne en maneira de graos enas coixas e aas uezes nace con ũa parte do corpo con grossãe de carne sen coiro e sen cabelo en maneira d’avelãa ou de noz, e aas uezes máis e mẽos (Pérez Barcala 2013: 154).

    Finalmente, localizamos podreen ‘podrén’, de uso repetido no Tratado de Albeitaria:

    Aven aas vezes, por desensinança do alveiter, que a encravadura non é ben descuberta nen pensada asi como deve, u conven que a podrẽe da chaga, que fica ençarrada dentro enna uña, faça camiño ontre a uña e a carne viva, ronpendo a carne sobrelo pee, e fazendo i a chaga por que sae aquela podrẽe, a qual chaga se deve curar asi como desuso dito é no capitolo da encravadura (Pérez Barcala 2013: 201).

  • 18

    Propomos a emenda [aqu]esta por canto no corpus é sistemática a sinalefa nas secuencias en que dixi vai seguida por vogal (Nunes, Arias Freixedo), así como a crase log’assi (Littera).

  1. ^

    Na literatura galega moderna achamos tristén só en dous autores: Aquilino Iglesia Alvariño (en Nenias, con xénero feminino) e Xosé Luís Méndez Ferrín (con xénero masculino). Véxase TILG, s.v. tristén.

Procurar
    Não foram encontrados resultados