I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 403-404); Zilli (1977: 130 [= LPGP 417]); Cohen (2003: 467); Littera (2016: I, 484-485).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 288); Braga (1878: 158); Machado & Machado (1956: V, 345-346).
1 Madr’, o] M(uyto) adro B; gran] grã B 4 morrer] moirer B 11 perdon] pardon B 13 morrer] moirer B; bõa] boa B 16 me] meu B; poder] om. V 17 com’este] Cōmeste B
5 vos] vus Zilli 9 [a]quanto] [a] quanto Zilli, Cohen 10 poss’a tal coita valer] poss’atal coita valer Littera 11 vos perdon] vus pardon Zilli 13 d’el] del Littera; bõa] boa Zilli
(I) Madre, o que sei que me ama moito e que sempre fixo canto lle mandei –e nunca por isto lle dei galardón, miña nai– vén el e quere xa morrer por min de amor, e, se iso vos prouguer, vede vós en tal situación o que debo facer, (II) porque non pode sobrevivir se non é por min, porque eu o amo, e el, desde que me viu, sempre me serviu canto puido e soubo, mais, dado que lle podo valer en tal coita de morte, así Deus vos perdoe, vede vós en tal situación o que debo facer, (III) porque, se el morrese, madre, abofé, pesaríame canto máis me puidese pesar, pois en todo lugar me serviu sempre canto puido, e, pois vedes como está a situación, vede vós en tal situación o que debo facer.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10c 10a 10C (= RM 183:5)
Esta composición é unha verdadeira cantiga ateúda, con ligazón sintáctico-discursiva, de tipo causal, entre as súas tres estrofas, aínda que non fose incluída na relación de ateúdas de Gonçalves (2016 [1993]: 269-270) nin fose así considerada nas precedentes edicións. Véxase nota á cantiga 15.
Atal debe ser segmentado pola necesaria rexencia de valer coa preposición a.
Seleccionamos a lección de V <perdon>, fronte á forma *pardon (<pardon>) de B, lección exclusiva (errada face a perdon, por deficiente desenvolvemento da abreviatura <ꝑ>) do copista a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase Ferrari 1979: 83-85). En efecto, de case sesenta aparicións de tal forma en B, só dúas delas son doutros copistas (859.6, copista b; 952.9, copista e), constituíndo, por tanto, simples lapsos puntuais que tamén poden aparecer noutros vocábulos. Véxase Ferreiro (2016b).
Talvez a lección <meu> de B deba ser interpretada como <men>, de modo que se poida segmentar o pronome én no verso: ca en todo logar / m’én serviu sempr’a todo seu poder...
A grafía <cōm|> de B para com(o) mostra unha grafía latinizante que aparece esporadicamente nesta conxunción nos apógrafos italianos, mais que é moi frecuente na prosa galego-portuguesa. Véxase nota a 63.2.